 José Luis Baltar O presidente provincial do PP de Ourense, José Luis Baltar, decidiu abandonar o cargo tras 18 anos á fronte e pediu "respecto" á súa decisión que "non ten volta atrás". Non se presentará, polo tanto, á reelección como máximo responsable da formación política na provincia de Ourense no próximo Congreso Provincial, que terá lugar o 30 de xaneiro.
O ata agora máximo responsable do PP en Ourense realizou este anuncio nunha roda de prensa que tivo lugar na sede do PP de Ourense. Baltar, que é líder da formación política ourensá desde o ano 1991, pediu “respecto” para a súa decisión que é “persoal, consultada e analizada concienciudamente” xa que “non é algo que decidín da noite para a mañán”. Neste sentido, quiso “darlle as grazas” aos seus “colaboradores” desde que accedeu a presidencia do PP fai 18 anos porque “se algún fallo houbo foron todos debidos a min”. José Luis Baltar estivo visiblemente emocionado durante a súa intervención e, en dúas ocasións, a emoción impediulle seguir falando. O silencio da súa intervención rompeuse en ambas as dúas ocasións cos aplausos da militancia que se achegaran á sede popular para darlle o seu apoio e o seu agradecemento pola súa dedicación durante 18 anos ao PP. Chegou o momento O barón popular manifestou que "chegou o momento" de abandonar este “proxecto do PP” onde “non tiña máis misión que estar ao fronte deste proxecto de todos” xa que “é un traballo en equipo da xente que traballou e colaborou durante tantos anos”. Baltar asegurou que lle custou “moito” tomar a decisión de non presentarse á reelección á presidencia do PP en Ourense porque durante os últimos días “a presión e o cariño” facía que “a xente toda me pedise que continuase” pero "tomei esta decisión", dixo. Na súa intervención, asegurou que “máis por amistade que por ningunha outra cousa” lle “emociona” que as persoas “aínda onte pola noite” pedíanlle que volvese a presentarse á reelección aínda que “tamén dicían que entendían a miña postura e que eu tamén tiña dereito a tomar unha decisión persoal”. Baltar recalcou que “o decidín e xa está feito, xa está e non hai volta atrás”. Así mesmo engadiu que, con esta decisión, que cualificou como “a máis difícil” iniciou a “carreira” para “desaparecer da política” que desexa continuar coa Deputación. Nese sentido, sinalou que “iniciei a primeira e a segunda que a marque o partido”. Abandonar a deputación Baltar manifestou que se ten que acabar a lexislatura á fronte da Deputación de Ourense farao aínda que “se hai que deixala antes se deixa”. De feito, quiso deixar claro que para que exista unha verdadeira renovación nas próximas eleccións municipais "non debo ir na Deputación non sendo que mo pida o partido”. O ata agora presidente do PP en Ourense afirmou que comunicou a súa decisión ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, “a primeira hora desta mañá” porque onte foille “difícil” e que lle dixo que “respectaba” a súa opción e que “non tiña nada que dicir porque era unha decisión persoal”. Baltar asegurou que as razóns últimas que o levaron a tomar esta decisión foron que chegou a unha idade “na que hai que deixar paso xa” mentres que pretende dar resposta a “algúns que me querían acusar de que me quería perpetuar nos cargos”. "Quedo claro que cando todo o mundo pídeme que siga ao fronte do partido eu tomo a decisión de marcharme” recalcou Baltar. Con respecto a se esta decisión podería supor unha escisión no seo do PP, Baltar asegurou que “non pode habela” porque “tratase dun proceso normal que non teñen por que alterar para nada ó PP”. Tras finalizar o conclave provincial do PP de Ourense, que se celebrará o vindeiro 30 de xaneiro, Baltar afirmou que se non o chaman “tampouco quere estorbar” aínda que “se o “necesitan” seguirá sendo “PP sempre e traballarei polo PP sempre”, indicou. De feito, recalcou que “non son dos que lle alegra se a partires de agora os resultados do PP non son tan bos como vos que tivo ata agora" senón que "quero que ouPP teña uns resultados millores cos que tiña comigo”. Baltar afirmou que “non se pode dar unha escisión” porque “isto tiña que pasar tarde ou temprán” e “creo que imos ter millores resultados que ata agora porque vemos na xente novas ilusións e novos métodos de traballo”. A carreira para a súa sucesión na presidencia do PP en Ourense xa está en marcha. Baltar afirmou que o seu fillo, Manuel Baltar, “terá igual dereito que os demáis” porque non é “parvo” e el non vai a ser “quen lle diga que non participe” porque “non quero torcer para nada a vocación que el teña, para nada”.
Trackback(0)
|