 José Luís Baltar O presidente do PP en Ourense, José Luis Baltar, anunciou que desvelará ás doce do mediodía se se presentará ou non á reelección como líder dos populares ourensáns. Dixo ademais que existe un “clamor” dos alcaldes da provincia de Ourense en prol da a súa continuidade como presidente do PP en Ourense, incluso nos críticos coa súa persoa.
Nese sentido, sinalou que é “algo verdadeiramente histórico e que me enche de orgullo” que “aqueles que durante vinte anos me estiveron cuestionando, agora están de acordo que continúe” e “iso é unha cousa rara”. “Non sei porqué de golpe e porrazo teñen medo se me vou cando durante vinte anos parece que non lles servía”, sinalou o dirixente popular. Porén, Baltar mostrou a súa “satisfacción” porque os alcaldes populares da provincia pidan a súa continuidade, pero destacou que todos “respectan” a decisión final que adopte. Adiantou ademais que mantivo os últimos encontros ou conversacións telefónicas cos alcaldes cos que aínda non se puxo en contacto, para coñecer a súa opinión. Así mesmo, asegurou que escoitará aos membros do Comité de Dirección do PP en Ourense na reunión que comezará ás 19,30 horas na sede popular. Tamén esta tarde, porase en contacto co presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, para comunicarlle a súa decisión, aínda que afirmou que “xa ten unha idea” da opción que adoptará. Baltar manifestou que comunicará oficialmente a súa decisión hoxe, día 15 de decembro, porque é o momento en que se abre o prazo de presentación de candidaturas para o congreso provincial do PP, que se celebrará o vindeiro 30 de xaneiro. O barón popular comentou que a súa continuidade non depende de “problemas físicos” pero lembrou que “a idade está aí” porque “o Estado, as Administracións e as empresas poñen unha idade de xubilación que é de sesenta ou sesenta e cinco anos” e “ninguén dixo que dos setenta para adiante era convinte continuar”, argumentou. Asegurou que o traballo para dirixir o PP “é de 24 horas” e que non estar á fronte do partido en Ourense “é menos responsabilidade”, porque só se mantería á fronte da Deputación. Así mesmo, engadiu que “eu non quería estorbar” polo que só “daría consellos” ao novo equipo. Na súa intervención, quiso deixar claro que “non existe baltarismo” senón que “hai PP” aínda que “cada un temos a nosa maneira de funcionar” porque “non haberá dous presidentes de partido igual”. En caso de non presentarse, Baltar sinalou que o “problema” que tería o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Manuel Baltar, para ser o novo líder do PP en Ourense é “ser Baltar”, concluíu.
Trackback(0)
|