 Manuel Vázquez O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, valorou a Conferencia de Presidentes como "unha resposta ás necesidades da sociedade" e avogou "pola unidade de todas as forzas políticas e institucións" para compartir fórmulas para superar a crise. Así mesmo, mostrou o seu desexo de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defenda os intereses dos cidadáns e non siga "o guión de Xénova".
Vázquez fixo estas declaracións tras asistir unha reunión en Madrid entre os secretarios xerais do PSOE nas comunidades autónomas nas que os socialistas están na oposición, a secretaria de Organización do PSOE Leire Pajín e o vicesecretario xeral da formación José Blanco. Segundo informa o PSdeG, Vázquez resaltou a Conferencia de Presidentes como unha "unión de esforzos, liderado polo presidente do Goberno e os presidentes das comunidades autónomas, independentemente da cor política, e polos axentes sociais". O líder dos socialistas galegos resaltou a importancia de que o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, "tenda a man" para iniciar novas reformas que axuden a solucionar o problema do desemprego, e advertiu da necesidade de "buscar solucións e non confrontacións". Vázquez incidiu na necesidade de investir en emprego e criticou que esa opción non a seguiu o Goberno galego nos orzamentos, "nos que rebaixou o investimento en políticas de fomento do emprego". Así mesmo, e ante as críticas de Feijóo pola tardanza na convocatoria, defendeu que chega "no momento xusto", porque coincide cos procesos de aprobación dos orzamentos. "Creo que este é ou momento xusto para que todos unamos esforzos co fin de que o vindeiro ano sexa clave para cambiar o modelo económico e que España colla a senda da recuperación económica e do emprego", subliñou.
Trackback(0)
|