 Imaxe da Asociación Gómes Mouro A cidade de Ourense acolle o 'Día do Orgullo Gaiteiro', que pretende conmemorar a data do primeiro documento sobre a presenza dun gaiteiro en Ourense, no ano 1.458, con Gómez Mouro. A VI edición do 'Día do Orgullo Gaiteiro' renderá homenaxe este ano ao gaiteiro Faustino Luis Seoane, natural da localidade ourensá da Gudiña, por toda unha vida dedicada ao mundo da gaita, así como á musicóloga suíza Dorothé Schubarth e ao filólogo Antón Santamarina, polos seus traballos sobre a música tradicional.
O certame foi presentado nunha roda de prensa que tivo lugar no Ateneo da capital ourensá e está organizado conxuntamente pola Asociación Gómes Mouro e a Asociación Ourensá de folclore, que pretenden ensalzar o patrimonio musical da provincia. A programación inclúe diversas de actividades, entre elas conferencias e actuacións de música tradicional, que pretenden ser unha mostra do patrimonio musical derivado da tradición oral coa que conta a provincia de Ourense. Así mesmo, réndese homenaxe a personaxes ou colectivos que traballaron para a conservación e difusión da música tradicional, xa sexa instrumental ou oral. O voceiro da Asociación Cultural Gómes Mouro, Cástor Castro, destacou a traxectoria profesional do gaiteiro homenaxeado este ano, Faustino Luis Seoane, do grupo Airiños do Canizo, da Gudiña, que leva “73 anos dedicados ao mundo da gaita ”porque “leva desde os 12 anos tocando e ten 85 anos”, sinalou. Cástor Castro referiu que Faustino Luis Seoane foi un dos primeiros gaiteiros gravados na provincia de Ourense, no ano 1.956 e que é persoa "moi digna" para o recoñecemento que se lle quere dar. Pola súa banda, os outros dous homenaxeados nesta sexta edición, a musicóloga suíza Dorothé Schubarth e ao filólogo galego Antón Santamarina, encargáronse de sistematizar nos anos 'oitenta' o Cancioneiro Popular Galego, que publicou a Fundación Pedro Barrié de la Maza, no que se recolleron cánticos da provincia e de toda Galicia. Cástor Castro asegurou que foi un traballo de “cinco anos sen parangón” e sen “ningún tipo de comparación con outros traballos que se fixesen”. De feito, sinalou que trátase dun referente “continuo e permanente para calquera outro traballo posterior”.
Trackback(0)
|