Advertisement
Puntogal
PP e PSOE cren que suprimir o plus de altos cargos empobrecería a función pública e o BNG discrepa PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Redacción   
jueves, 10 de diciembre de 2009

Suso Seixo da CIG
Suso Seixo da CIG
Populares e socialistas mostráronse contrarios á toma en consideración da iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida pola CIG--e avalada con 19.000 sinaturas-- para suprimir o coñecido como plus de altos cargos na administración. PP e PSdeG consideran que o complemento permite conseguir aos mellores profesionais para os altos cargos--segundo indicou Rodríguez Miranda, do PPdeG-- e que a súa supresión "empobrecería a función pública" --segundo Lage Tuñas, do PSdeG--, polo que avogan por unha reforma en profundidade da lexislación ao aspecto. Pola súa banda, o deputado do BNG Alfredo Suárez Canal avogou por "correxir o erro" cometido e gañar así "credibilidade e recursos económicos".

O ILP chegou á Cámara--"non sen tempo", segundo indicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo-- un ano e medio despois de ser presentada (en xuño de 2008), e os seus promotores defenderon a necesidade de suprimir un complemento "claramente discriminatorio que atenta contra o modelo de ascenso na Administración". No seu día, o plus foi aprobado por unanimidade dos tres grupos a raíz dunha emenda presentada polo PP na tramitación parlamentaria da reforma da Lei de Función Pública. Hoxe por hoxe, son 192 as persoas que teñen recoñecida a devandita prestación, informou Rodríguez Miranda.

No debate parlamentario, o deputado nacionalista Alfredo Suárez Canal defendeu a aceptación a trámite da iniciativa porque "debemos ser sensibles ás demandas da sociedade para restaurar e incrementar o crédito da actividade política", co obxectivo de que se xere a sensación de que a clase política "xera privilexios en beneficio propio". Xunto a unha acesa defensa da política, Suárez Canal defendeu non só a ganancia en credibilidade senón en recursos económicos, xa que cifrou en tres millóns de euros o aforro a partir de 2010 coa supresión. Cifra que, en cambio, o voceiro do PPdeG rebaixou a unha terceira parte.

Desde o PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, criticou a "demagoxia" de entrar en comparativas salariais e avogou por "ir máis alá" e abrir un debate integral sobre o modelo de función pública e incluso sobre o xeito de acceso aos cargos directivos na Administración. De feito, indicou que "se non  se ten un salario determinado, estariamos empobrecendo a función pública".

En nome do grupo socialista, Lage Tuñas pediu ao Goberno galego que impulse a reforma do Estatuto do Funcionario Público, proposta compartida polo PPdeG. Así, o deputado popular Antonio Rodríguez Miranda asegurou que a Xunta abordará esta reforma na actual lexislatura. Tamén coincidiron PP e PSOE en indicar que o plus está vixente tanto na lexislación estatal coma no resto de autonomías.

Tanto Lage Tuñas como Rodríguez Miranda fixeron referencia ao cambio de postura do BNG, aínda que con distinto alcance. O socialista non quixo entrar no tema pero apuntou que as palabras de Suárez Canal no pleno poden gardar incoherencias coa súa participación catro anos no Goberno da Xunta. O popular foi máis duro e acusou o nacionalista de adoptar "unha postura un pouco cínica", "oportunista e demagóxica" ao aspecto. "Antes de chegar ao Goberno, o  BNG estaba en contra destas medidas, estivo a favor cando gobernaba e, de novo na oposición, volve a estar en contra", reprochou o deputado do PPdeG.

Na súa defensa do plus, Rodríguez Miranda sinalou que "non é unha medida de tipo elitista", argumentando que "cando queremos conseguir o mellor, non se pode facer racaneando os recursos".


"Demagoxia"

O voceiro da comisión promotora do ILP, o sindicalista da CIG Suso Seixo, agradeceu a "autocrítica" realizada polo BNG e lamentou a posición expresada por outros grupos. Ante as críticas de demagoxia á petición, sinalou que "se estivera prohibida a demagoxia, nesta Cámara habería moitos deputados que deberían ter renunciado ao seu escano".

Na súa defensa inicial, Seixo lamentou a "escasa conciencia social" do plus, porque "obvia a realidade dun país en que os salarios da maioría dos traballadores sitúanse por baixo da cantidade prevista para un director xeral só en concepto de complemento de destino". "Non entenderiamos que, neste contexto de vacas fracas para todos, subsista unha caste privilexiada de funcionario que mantén incólumes os seus privilexios económicos", proclamou.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >