 Aeroporto Sá Carneiro en Porto Cristina e Sindo esperan no aeroporto Francisco Sá Carneiro (Oporto, Portugal) a súa quenda de facturación para o voo directo da compañía Brussels Airlines con destino á capital belga. Ourensáns ambos os dous, planificaron a súa viaxe con intención de coller un voo desde Vigo ou desde Santiago. Descartaron A Coruña, de entrada, porque a distancia se incrementaba substancialmente. Dispostos a coñecer as súas opcións ante o ordenador, comprobaron que as alternativas de viaxe galegas--coa Coruña xa incorporada, "por se acaso"-- incluían unha escala obrigatoria en Madrid ou Barcelona. E alguén suxeriulles a opción de viaxar desde Oporto.
A distancia, resaltan, supera lixeiramente os 200 quilómetros pero, en contrapartida, hai autovía ata Tui e, a partir de aí, a opción de chegada a Oporto é dobre e inclúe, ademais da autoestrada de pagamento que continúa ata Lisboa, unha vía de altas prestacións (pola costa) gratuíta. "Fixemos cálculos e era máis cómodo, ao ser directo, e máis barato, porque as opcións de voo desde Vigo eran moito máis caras", comenta Sindo. "E o aparcadoiro tamén é máis barato", engadiu Cristina: 32,5 euros por deixar o coche unha semana fronte a uns 55 en Santiago de Compostela, segundo a súa experiencia. A súa viaxe, con voo de ida a través de Brussels Airlines e de regreso con Ryanair sáelles por 100 euros. "A gasolina do desprazamento e o aparcadoiro tiñamos que pagalo igual", sinalan. O aeroporto de Sá Carneiro comezou fai uns anos a incorporarse nas planificacións de moitos galegos, especialmente da zona sur. Tere, de Vigo, acaba de regresar de Dublín de visitar á súa irmá, opción que desde Galicia só tiña de forma directa nos meses de verán. De feito, a dispoñibilidade de conexións--sobre todo en compañías baratas-- que non están operativas en Galicia--quitado da escala en Madrid-- é o motivo máis repetido nas argumentacións dos galegos que acaban desprazándose ata Oporto. Entre os destinos que máis chaman a atención na comparativa con Galicia figuran as cidades brasileiras de São Paulo ou Río de Janeiro, as Azores ou zonas con numerosa presenza emigrante galega como Suíza. Porén, ás vantaxes de viaxar desde Oporto tamén se unen algúns inconvintes, como a confusión horaria que algúns usuarios sofren polo feito de que sexa unha hora menos na cidade portuguesa. "Liámonos, pero a diferenza permite que cheguemos con antelación», comentan dous verinenses que queren coller un voo a Pisa (Italia), outra opción non dispoñible desde Galicia. Así mesmo, critican que «o aeroporto é bastante pequeñito e os aparcadoiros son un pouco liosos", e non falta quen dubida da fiabilidade das compañías baratas: "Críbanche a anuncios", comenta un usuario de Ryanair.
Trackback(0)
|