 José Álvarez Robledo Os produtores, sindicatos e industria do sector lácteo reuníronse en Santiago xunto co director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural, José Álvarez Robledo, para avaliar o grao de cumprimento do Pacto Lácteo e consensuar un protocolo administrativo que coordine a aplicación dos distintos modelos de contratos homologados e permita "fiscalizar" en Galicia todos aqueles documentos subscritos na comunidade.
Á reunión da comisión galega de seguimento dos contratos homologados, que tivo lugar na sede da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (Sodeco), asistiron diversas asociacións do sector lácteo. Entre elas estaban a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (Aelga), a Asociación Galega de Cooperativas Lácteas (Agaca), Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores (XX.AA.) e a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil). Durante a reunión os axentes do sector lácteo sinalaron a importancia dunha regulación dos contratos homologados a nivel estatal e lembraron a relevancia que Galicia debería ter na devandita regulación xa que, segundo indicou o responsable de XX.AA., Francisco Bello, o 70 por cento dos 2000 contratos asinados ata a data en toda España, subscribíronse en Galicia. O director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, celebrou o consenso acadado á hora de admitir a necesidade de asinar contratos homologados, malia que, segundo recoñeceu, "ten dificultades". Álvarez Robledo tamén valorou positivamente que Galicia lidere a cantidade de contratos asinados en España, tanto "por número" coma "por cota" láctea. O 100 POR 100
Por outra banda o xerente de Aelga, Pedro Ramos, sinalou que o obxectivo primordial na actualidade é que o 100 por 100 do leite que adquiran as industrias estea suxeito a un contrato homologado e que este poídase "revisar e comprobar en Galicia". En relación ao prezo de leite galego, Francisco Bello lembrou que, se ben aumentou ata os 30 céntimos o litro en outubro, a materia prima de Galicia págalle 3 céntimos máis barata que no conxunto do Estado, onde o prezo rolda os 33 céntimos o litro.
Trackback(0)
|