 Feijóo á súa chegada a Brasil O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pisou terreo brasileiro por primeira vez, polo menos de xeito oficial, desde que é dirixente autonómico. E nesta primeira visita, propuxose tres obxectivos, que parten de estreitar lazos institucionais e económicos cos países polos que pasará, de promocionar e convidar a visitar a comunidade durante o 2010 con motivo do Xacobeo e tamén de fortalecer os compromisos e “afectos” coa colectividade galega.
Por iso, a visita concéntrase en tres países, Brasil, Arxentina e Uruguai, e en tres cidades, Salvador de Bahía, Buenos Aires e Montevideo, respectivamente. Os tres, lugares que "dan cobixo a miles de galegos" e que son "obxectivo cultural, histórico, e económico" de Galicia. Na cuestión dos afectos e compromisos, Feijóo incidiu no obxectivo de “equiparar dereitos sociais –como en materia sanitaria-- e fundamentais”. Así, aludía de forma non directa ao compromiso de traer a tarxeta sanitaria tamén aos galegos do exterior, pois en campaña electoral asegurara que non pisaría estes territorios sen cumprir tal compromiso. Fixo si unha mención expresa, no tocante aos “dereitos fundamentais”, ao dereito que teñen os galegos residentes no exterior ao “voto en urna”. Así mesmo, destacou o “compromiso” da Xunta de Galicia (e tamén dos ex presidentes) coa colectividade galega, que “continuará” existindo nesta nova lexislatura, apuntou. Xunto con este obxectivo, está o de promocionar o Xacobeo. Para iso, expón unha estratexia publicitaria e de marketing que consiste en que “cada galego sexa un embaixador” e que “cada centro galego sexa unha embaixada” do Ano Santo 2010 en Santiago de Compostela. No tocante ao estreitamento de vínculos institucionais, referiuse ás posibilidades que presenta un país como Brasil para Galicia, no tocante ao intercambio de mercadorías. “Podemos exportar máis aquí”, apuntou. Así mesmo, agradeceu a Salvador de Bahia os títulos que lle concederon, de cidadán bahiano e de fillo de Salvador, que aprobou a Asemblea Lexislativa de Bahía. Sobre este asunto, agradeceu a “30.000 galegos bahianos que instasen a este recoñecemento”.
Trackback(0)
|