 Vista aérea da Coruña A corporación municipal do Concello da Coruña aprobou de forma inicial o Plan Xeral de Ordenación Municipal, co voto a favor dos grupos de Goberno, PSOE e BNG, e o voto en contra do Partido Popular, que criticou o documento por considerar que "non é un plan realista, nin crible", fronte ao notábel alto" co que cualificárono os nacionalistas.
Os populares acudiron ao pleno sen unha decisión tomada sobre o sentido do seu voto e non o definiron ata transcorrida hora e media da sesión plenaria. Louvaron a elección do arquitecto, Joan Busquets, para a elaboración do Plan, pero acusaron o Goberno local de "contratar ao mellor e atarlle as mans", sen ter en conta as súas suxestións para replantear as actuacións urbanísticas nas Xubias, Portiño, San Pedro de Visma e Eirís. O concelleiro popular Miguel Lorenzo, asegurou que o seu grupo está "de acordo" coas grandes infraestruturas que recolle o PXOM, aínda que sinalou que "chegan tarde" e fixo fincapé en que existe "un problema grave, o financiamento". "O Plan non contén ningún proxecto o convenio de financiamento, é ciencia fición ou o conto da leiteira, recolle auténticas quimeras", denunciou. A tenente de alcalde responsable da área de Urbanismo, Obdulia Taboadela, respondeu ao que acusou de "esquizofrenia inintelixible" dos populares. "Non se comprende que digan que estean de acordo co Plan pero que van a votar un non preventivo", dixo tras explicar que non incluíron o estudio económico financeiro porque "é un principio de perfección do Plan, non de eficacia" e de acusar os populares de tratar "de que as administracións se replieguen e non invistan nesta cidade ". Pola súa banda, o edil de Rehabilitación urbana e vivenda, o nacionalista Mario López Rico, arremeteu contra os populares por facer "unha oposición brandiña e cobarde" e instounos a mostrar "un pouquiño máis de garra, de chicha, un pouco de consistencia nos prantexamentos políticos". Para o BNG, o PXOM é "ambicioso, realista e xusto", porque ten "unha visión aberta das potencialidades da Coruña cunha visión de futuro que reborda con moito o horizonte chato, utilitario e crematístico que pechou planeamentos anteriores", dixo en alusión ao urbanismo desenvolvido durante as dúas últimas décadas, durante os gobernos de Francisco Vázquez. Tamén os populares referíronse a actuacións da anterior etapa socialista e lamentaron que o novo PXOM "intenta arranxar a desfeita destes 25 anos".
Trackback(0)
|