 Cartaz da feira A concelleira de Cultura de A Coruña, María Xosé Bravo, inaugurou a feira ‘Achegarte: A Cultura que facemos. A cultura que queremos’ que terá lugar durante todo o fin de semana en Palexco e Kiosco Alfonso coa participación de máis de 90 entidades de todo Galicia e cun programa de máis de cen actividades.
María Bravo sinalou no acto inaugural a importancia de realizar esta feira nun momento de dificultade económica como o actual para impulsar o sector cultural galego que destacou supón un factor económico fundamental e de creación de emprego. A realización desta feira, impulsada pola Concellaría de Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña, partiu dun colectivo de persoas que reclamou da Consellería de Cultura a reedición do Culturgal, un acontecemento que reuniu a miles de persoas na cidade arredor das distintas manifestacións da nosa cultura. O Concello de A Coruña fíxose eco desta iniciativa colectiva e desinteresada, achegando o seu apoio e sumando tamén o apoio da Área de Promoción Económica da Vicepresidencia da Deputación da Coruña para facermos realidade entre todos e todas esta proposta. “Unha iniciativa importante para dar visibilidade á nosa cultura, para difundila e sobre todo para demostrar que ten un peso decisivo na economía do país” tal e como destacou a Concelleira de Cultura “porque a cultura xera riqueza e emprego e porque o investimento en cultura é sempre rendíbel a longo prazo”. Nesta feira/festa da cultura ao longo da fin de semana haberá espazo para as artes escénicas, as artes visuais, a música, o libro, o audiovisual, a danza e os servizos socioculturais. A diputada provincial Silvia Seixas presente no acto de inauguración lembrou que a Cultura galega supón unha importante achega ao Producto Interior Bruto do país o que pon de manifesto a importancia desta feira pensada como un espazo de encontro, de intercambio de experiencias e difusión da cultura que facemos. Unha oportunidade para coñecermos unha mostra da ampla oferta cultural galega. Así durante dous días poderase disfrutar na Coruña da riqueza da cultura galega, gozar do noso teatro, a música, as artes plásticas, o audiovisual, a danza, a palabra cantada e falada.... mais tamén será o lugar onde mercar o libro que buscas, a música que che gusta, a película que non viches, os agasallos do Nadal; ou a ocasión para facer un obradoiro de ilustración, de danza, de música, de teatro, de pintura ou maxia, para grandes e pequenos. Unha programación para todos os públicos. En total participan máis de 90 entidades do sector do libro, artes escénicas, institucións e asociacións, sector audiovisual, musical, artes plásticas, e conta cun amplío programa con máis de cen actividades repartidas en dous días con concertos, presentacións de discos, obras teatrais, proxecións audiovisuais, presentacións de libros, entre outras. A feira conta cun Servizo de Atención á Infancia a cargo dos Canguros Municipais da Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá para nenos e nenas a partir de catro anos ou tres anos se están escolarizados.
Trackback(0)
|