 Reunión de Feijióo cos representantes sindicais Os secretarios xerais da CIG, CCOO e UGT reuníronse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo e a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, para expor a súa posición respecto das posíbeis fusións que se barallan para as caixas galegas e para coñecer a posición que mantén o goberno galego neste asunto. As centrais sindicais coincidiron en demandar que se manteña o carácter galego das entidades, que o poder decisión sobre o futuro das mesmas se manteña en Galiza e en que se minimice o impacto sobre o emprego.
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, incidiu ademais na necesidade de que se debe ter en conta, non só o emprego directo, senón tamén o emprego das empresas de servizos que traballan para ambas as entidades. Ademais, subliñou a importancia do acordo acadado no Parlamento respecto da modificación da Lei de Caixas. Unha modificación que para o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, debe axilizarse o máximo posíbel na súa tramitación parlamentaria. Para Seixo tamén é de grande importancia que nesa modificación se revise a composición dos Consellos de Administración, dos que deben formar parte, ademais de representantes do goberno galego, representantes das organizacións sindicais e que se defina un sistema de elección dos representantes dos impositores, nestes organismos, máis democrático. O secretario xeral da CIG tamén considera necesario que se defina claramente, a través desa modificación, a orientación dos investimentos produtivos e a obra social destas entidades. Alén diso, entende que debe preservarse a capacidade de veto da Xunta de Galiza respecto de calquera fusión, constitución dun SIP ou de calquera outro movemento que afecte ao futuro das caixas. Na xuntanza analizáronse os datos cos que conta o goberno galego sobre a viabilidade que tería a nova entidade resultante dunha fusión entre as caixas galegas. Datos que a CIG viña reclamando desde hai tempo e que seguen a ser bastante contraditorios porque “hai bastante escurantismo por parte das caixas á hora de aportar esa información”, asegurou o secretario xeral da CIG na rolda de prensa celebrada ao remate da xuntanza. Seixo tamén alertou do perigo de que se camiñe cara unha fusión para preparar unha futura privatización destas entidades e amosou a negativa da central sindical a que se constitúa un SIP. Negativa na que tamén coincidiron CCOO e UGT. O secretario xeral da CIG valorou ademais a necesidade de conservar os postos de traballo matizando que, en todo caso, calquera fusión con entidades de forá colocaríanos nun escenario moito máis prexudicial en materia de emprego. Por iso, fixo un chamamento a que a sociedade galega se mobilice para que “presionemos todos no mesmo sentido, se queremos garantir que un sector que controla unha parte importante do aforro galego e que é básico para o mantemento do noso tecido produtivo se manteña en Galiza”
Trackback(0)
|