Advertisement
Puntogal
A sella e un selleiro de vocación: Javier Fernández Lage PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 3
MaloBon 
Escrito por Francisco González Groba   
viernes, 27 de noviembre de 2009

O eido do selleiro
O eido do selleiro
A auga, un líquido moi abundante na Terra, é un dos recursos máis prezados porque é imprescindible para  a vida de tódolos seres vivos, compostos, na súa maioría, por máis dun 80 por cento deste elemento.

Hoxe na nosa vida cotiá non representa ningún problema o abastecemento de auga para o domicilio, porque só fai falta abrir a billa: o demais vén só. Pero esta marabilla, porque o é, está a nosa disposición desde fai relativamente moi pouco tempo. Non debemos esquecer que as traídas de auga (moi rudimentarias) chegaron ás cidades nos primeiros anos do século XX. Co paso do tempo este servizo foi estendéndose a outros núcleos menores de poboación ata que nos primeiros anos da década dos setenta empezaron as traídas nos barrios dalgunhas parroquias de Ponteareas, que, hai que recoñecelo, foi un avance moi interesante.

Ata esa data a xente tiña que conseguir a auga ben dun pozo (quen o tiña) ou acudindo á fonte pública, que en moitos casos estaba lonxe do domicilio. E, por enriba, trasladala ata a casa en caldeiros ou noutros recipientes, pero cando era para beber ou cociñar empregaban  a SELLA, que nós coñecementos co nome de BALDE     

Hoxe en España  - que somos un dos países máis consumidores de auga -  necesitamos  aproximadamente 150 litros por persoa ao día. O consumo familiar de auga nos tempos nos que antes facíamos referencia nada ten que ver co de hoxe, xa que 10 litros por persoa ao día podían ser suficientes para aquela maneira de vivir na que a hixiene persoal estaba moi relaxada ata que chegaba o verán que era cando se podía quitar o loito monárquico que se puxera no lugar dos calcetíns. Tamén había que levar auga para os animais domésticos. Total, un grande esforzo que  fatigaba a calquera e con maior razón se o encargado dese labor era, por exemplo, un adolescente. Por iso non sorprende a lenda  sobre a construción do acueduto de Segovia, que se fixo, segundo din,  porque aquela moza prometeu darlle a súa alma ao diaño a cambio de que lle fixese chegar a auga diariamente  o pé da súa casa.

Na fonte pública, no verán, na época de estiaxe, amoreábanse as sellas esperando para ser cheas cando lle tocara a súa quenda, que entre nós era respectada polos usuarios do manancial sen as liortas que sucedían noutros lugares, debido a ese sentimento de solidariedade e respecto que existiu entre a veciñanza. Cando unha persoa recollía a súa sella, puña a encher a seguinte, e así...


A sella

A sella (ou balde) é un  recipiente que se utilizaba para transportar auga. O material empregado para a súa construción foi diverso: madeira, barro, vimbios (recubertos de pez no interior), etc. Pero o material máis utilizado para a construción da sella, que se impuxo foi a madeira. En Galicia empregouse a de carballo, que é boa, pero bastante pesada, polo que foi substituída pola de castiñeiro, que é máis lixeira. Tamén se empregou a de cerne da cerdeira. Nas zonas de porto de mar, empregábase a teca, xa que é de moita calidade  e que se atopaba con facilidade  nos desguaces dos barcos. En Asturias unha das  máis empregadas era a de teixo.

A sella nas súas orixes é posible que se obtivese dun tronco de madeira baleiro no seu interior por efectos do tempo e dos fungos, que só puidese necesitar pórlle un fondo. Tamén xunguindo cuns aros de madeira dúas metades  dun tronco coas mesmas características do anterior.

Pero todo evoluciona porque o home vai descubrindo os segredos e as posibilidades que a Natureza nos ofrece para ter unha vida máis digna. Como consecuencia, foi capaz de construír ferramentas para traballar a madeira e poder construír sellas coas características máis recomendadas para cada momento histórico. Como consecuencia disto non facía falta ter que atopar un tronco oco para facerse cunha sella. Construíronas con doelas porque ademais da ferramentas necesarias xa conseguiran tamén uns coñecementos matemáticos importantes, ademais da destreza do artesán (carpinteiro)   necesaria para tal labor.

Polo xeral,  a sella galega é troncocónica, aínda que hai variacións porque dependen: do lugar, artesán, tradición e a función da sella, que en Ourense, por exemplo era barriguda, e  tamén se empregaba  como medida de capacidade na venda do viño.  Facía a función do noso cabazo (15 litros).

A sella ten unha base maior, que é o fondo,  de  32 centímetros, e unha menor (aberta) de 14 centímetros. A súa altura é de  42 centímetros. (Estas medidas non son fixas).  Está construída por doelas que teñen que axustarse perfectamente polo que é necesario facelas co ángulo preciso. Leva tres aros que serven para xunguir as doelas. O primeiro aro colócase  practicamente sobre o fondo, o segundo nas metades das doelas e o terceiro no outro extremo.

Os aros que son de 6-7 centímetros. de ancho e de 1 a 1,3 milímetros de groso, saen dunha chapa, que debe ser cortada axeitadamente sobre moldes  construídos para tal fin. Cada aro leva dous remaches, que tamén teñen dificultade para a súa colocación. No aro central colócaselle as asas, que agora  se fan dun tubo de cobre de 12 milímetros porque non hai outros recursos e que necesita moita habilidade para situalas debidamente.

As sellas ademais do seu destino habitual tamén se utilizaron como elemento de actividades lúdicas. Así sabemos que noutros tempos se celebraban carreiras e bailes con sellas na cabeza para demostrar as habilidades dos participantes. Hoxe esta destreza está practicamente perdida.

O artesán que constrúe as sellas é o selleiro; en realidade un carpinteiro con coñecementos suficientes e capacidade tamén para a construción de toneis. Algúns deles tiveron esta profesión como medio de vida. Por iso atendían os encargos que lles facían os seus clientes, e os excedentes da produción púñanos en venta nas feiras ou eran ofrecidos nas tendas tradicionais das parroquias, que tan boa función social realizaron ao longo do tempo. Como recordo debo dicir que aínda hoxe lembro a sella que estaba exposta na tenda do chorado Manolo de Telmo en Angoares, xa que era un lugar onde os seus veciños podían conseguir calquera cousa necesaria.

Hoxe esta profesión está practicamente extinguida porque todos, afortunadamente, contamos con abastecemento de auga domiciliaria e non se necesitan as sellas para o transporte da auga. Pero a pesar diso, sempre quedan persoas con moita sensibilidade que se resisten a que se perda a memoria das nosas formas de vida pasadas  porque coidan que É un patrimonio que hai que conservar e transmitir ás novas xeracións. Un paradigma desas persoas, para min, é Javier Fernández Lage,  veciño de  Nogueira – Ponteareas.

Javier Fernández Lage

Javier Fernández Lage
Javier Fernández Lage
Javier, sendo neno, mentres observaba o seu pai, Florencio Fernández López; cando lle facía os xoguetes nos días de choiva do inverno, descubriu que a madeira encerraba un verdadeiro misterio cheo de encanto e maxia que lle fascinaba e motivaba a aprender ese oficio. Por iso, conforme ía medrando tamén medraba o interese por ese obxectivo, pero que non puido materializar por circunstancias da vida, da que citarei uns cantos datos por parecerme de interese para demostrar que a tenacidade é fundamental para acadar metas prefixadas.

Aos trece anos marcha para Brasil. Durante dez meses está cuns curmáns seus, pero ao cabo dese tempo xa se independiza. Aos dezasete  retorna coa intención de dedicarse en corpo e alma a carpintería, oficio que non puidera aprender en Brasil por falta de recursos. Tiña que subsistir.

O primeiro traballo que fai a esa idade (17 anos)  é unha sella para un veciño, que, pasados os anos, intentou recuperar previo pacto coa filla do  propietario. Pero, como o demo sempre fai delas!, resulta que as doelas, que a señora tiña gardadas para entregarllas, un día aproveitounas o seu home (que nada sabía do trato) para asar unhas sardiñas. Por iso, despois do desgusto,  Javier só puido conseguir a sella moi mutilada.

Con esa mesma idade inicia dun xeito máis formal a aprendizaxe do oficio en Moreira. Aos poucos meses pecha o taller e Javier dedicase durante un certo tempo a traballar pola súa conta, o que faría sempre que lle quedase tempo libre. (Os traballos facíaos seguindo o que el chama a “deducción lóxica”). Pero anímano a facer un curso de formación agraria. Saca o número un do plantel e os responsables do curso propóñenlle ir a Guísamo para continuar por esa rama. Rexeita a proposta porque el quere ser carpinteiro para facer traballos de artesanía relacionados coa cultura galega. Despois reinicia a aprendizaxe do oficio con Rodolfo Castro Rivero, que era un verdadeiro mestre nese eido. Pero este ao pouco tempo cambia de actividade e Javier empeza a traballar na construción en Vigo. Iso non satisfacía os seus intereses.

No ano 1964 matricúlase, na quenda de noite, na Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo, obtendo a cualificación de sobresaliente en todas as materias.  No curso seguinte realiza estudos de aritmética mercantil, extensión cultural,e debuxo xeométrico. Nese ano obtén as mesmas cualificacións do curso anterior: sobresaliente; ademais consigue dous premios relacionados con esas materias. Nese mesmo ano tamén asiste (durante o día) ao curso de carpintería e ebanistería do Centro de Formación Profesional Acelerada de Vigo. Obtén a cualificación de Oficial de segunda. A continuación empeza a traballar no taller de carpintería de Rodolfo Lama, na Avenida de Galicia en Vigo ata a incorporación ao Servicio Militar.

Despois de cumprir co servicio militar, marcha para Barcelona onde empeza a traballar na restauración de mobles antigos. Adquire o alcume do “rei do moble rústico” pola súa rapidez e perfeccionamento no traballo.

Pasados catro anos (xaneiro de 1974) monta o seu propio taller, moi modesto, pero ao ano seguinte a súa situación xa mudara a mellor. No entanto ten que trasladarse a Sarria (Lugo) e alí dedícase ás actividades de restauración e artesanía relacionadas coa cultura galega, construíndo teares, urdidoras, fiadoras de pedal, teares de alto lizo, peites, etc., Todo isto relacionado coa tecedura manual.

Como dato anecdótico, hai que salientar que nunha ocasión apareceu polo seu taller de Sarria unha persoa para encargar unhas cadeiras. Ao ver que as tiña feitas, e debido a boa impresión que lle causaron, despois de identificarse como enxeñeiro,  recomendoulle que se apuntara na oficina de emprego en demanda de mellor traballo co fin de incorporalo como monitor en restauración de mobles para un curso que el quería organizar na vila de Sarria, xa que era o director provincial do INEM de Lugo.  Como o desenvolvemento do citado curso tivo moi boa sona en toda a provincia, debido a eficacia na impartición do mesmo, conseguiu ser contratado para impartir cursos do INEM, o que fixo durante moito tempo.  

No ano 1993 regresa a súa terra, Ponteareas, para dedicarse a ensinanza da carpintería e restauración no Centro de Desarrollo Local Municipal. Alí permanece con esta actividade ata que a Administración suspende ese módulo por non reunir as condicións esixidas (falta de espazo e de maquinaria). Compatibilizou este traballo con demostracións de artesanía, especialmente con sellas, en moitos lugares de Galicia: Podemos citar Casco Vello de Vigo, Baiona, Cospindo (Coruña) e Ponteareas.

Un dos motivos do regreso á parroquia, segundo me coutou, foi agradecer coa súa residencia o recoñecemento recibido polos veciños na festa do Santo Cristo, fai aproximadamente vinte anos, que, con moita solemnidade, puxéronlle de manifesto a estima e orgullo que sentían pola súa traxectoria vital e por contalo entre a veciñanza.

Na actualidade continúa facendo sellas e demostracións, aparte de restauración de muíños, canastros, lagares, casas rurais. etc. Ademais desenvolve outras inquietudes.

E para rematar, dar as grazas a Javier pola súa información e desexarlle  moita saúde e sorte (como a todos) para que poida continuar cos seus proxectos; grazas a Javier por poñer o seu grao de area a prol da cultura galega.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >