 Guillerme Vázquez O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou que a sociedade galega "non nos perdoará ós partidos políticos, por non actuar, non defender as cousas con claridade e non estar á altura", no caso de que o centro de decisión das caixas galegas non permaneza en Galicia, se en lugar de apostar por unha fusión ou alianza entre Caixanova e Caixa Galicia, algunha delas termina sendo absorbida por outra entidade foránea.
"O debate non é se hai que ter unha ou dúas caixas, se no norte ou no sur, senón se van a ser galegas ou non", insistiu en varias ocasións o dirixente nacionalista durante unha roda de prensa celebrada en Pontevedra, xa que explicou que "hai unha estratexia ben clara por parte do Banco de España e do Goberno Central, que Cataluña teña a súa caixa e Caja Madrid encabece unha gran caixa nacional, e aí Galicia ten que defender os seus intereses e ter tamén a súa", manifestou. Guillerme Vázquez celebrou que entre os tres principais partidos exista "un aparente consenso" a partir das teses e propostas impulsadas polo BNG, aínda que afirmou que "seguimos esperando unha decisión e unha opinión clara do presidente da Xunta", da que avanzou que "se vai na dirección de conservar e apoiar que as caixas, unidas ou fusionadas, se queden en Galicia, contará co noso apoio", sinalou. O líder dos nacionalistas galegos cualificou ademais de "absolutamente necesaria" unha nova lei de caixas, na que avogou porque autorice unha maior capacidade de control e decisión da Xunta de Galicia nestas entidades, "de xeito que oriente o aforro dos galegos ao apoio dos sectores produtivos do país, que os cartos dos galegos sirvan para o desenrolo de Galicia e non para enriquecer a outras comunidades", concluíu
Trackback(0)
|