 Indicación no Camiño O Goberno galego aprobou a segunda fase do Plan Corrector dos Camiños de Santiago, que autoriza un investimento de 6,3 millóns de euros para efectuar intervencións no trazado e en albergues do Camiño Inglés, Norte, Primitivo e na Vía da Prata. A cantidade completa a partida de 5,8 millóns de euros previstos na primeira fase do Plan corrector para os camiños Franceses, Portugués e Fisterra-Muxía.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apuntou tras o Consello que con este programa se poderá "duplicar" o número de prazas dispoñibles en albergues, ata acadar as 6.000. Así mesmo, prévése "mellorar contornos e albergues", mediante unha dotación de 1 millón de euros. As prazas elevaranse nun total de oito albergues e mediante a rehabilitación de casas ou edificios que se distribúen polos camiños. Segundo a Consellería de Cultura e Turismo, dos 6,37 millóns de euros asignados a esta segunda fase investiranse 900.000 euros este mesmo ano. A distribución da contía total é de 1,1 millóns no Camiño Inglés, 1,9 millóns no Camiño Norte; 1,3 millóns no Camiño Primitivo e 1,9 millóns na Vía da Prata. O incremento de prazas de albergues responde a actuacións en diferentes instalacións e camiños. No Inglés prevese licitar a finais de 2009 un novo albergue en Betanzos, que incrementará en 50 prazas as 72 existentes na actualidade en tres hospedaxes (Neda, Miño e Brétema--Mesía--). No Camino Norte estase redactando o proxecto para a posta en funcionamento como albergue do antigo colexio das monxas da Rúa Trinidade en Ribadeo. A licitación será solicitada no 2010 para ampliar a oferta de 304 prazas nos sete albergues desta ruta (Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte e Sobrado). Respecto ao Camiño Primitivo, no 2010 entrarán en funcionamento o novo albergue de Seixas (Palas de Reis), con 36 novas prazas que incorpora ás 102 ofrecidas na actualidade en Padrón (A Fonsagrada), O Cádavo (Baleira), Lugo e San Román de Retorta (Guntín). Do mesmo xeito, estanse redactando os proxectos de execución para os futuros albergues da Casa de Pasarín (A Fonsagrada) e de Castroverde. Na Vía da Prata estúdanse accións para resolver a carencia de aloxamentos, sobre todo entre A Gudiña e Laza, mediante o acordo para o uso de albergues que a Deputación de Ourense fixo nas estacións de Renfe de La Vilavella (A Mezquita), Campobecerreos (Castrelo do Val) e Vilar de Barrio. Na actualidade, tramítase a licenza dos futuros albergues de Pereiro Vello (A Mezquita) e Viladerrei (Trasmiras) que completarán as 366 prazas dos 12 actuais (A Gudiña, Laza, Verín, Vilar de Barrio, Sandiás, Xunqueira de Ambía, Ourense, Cea, Dozón, Lalín, Silleda e Vedra). Dúas fases As dúas fases deste plan corrector contemplan labores de conservación e mantemento en 49 dos 64 albergues dependentes da Xunta. Tamén se intervirá na substitución e mellora de mobiliario, que permitirá ampliar o número de prazas en 8 albergues. No ano Santo 2010 entrarán en funcionamento cinco novos albergues en Dumbría, Samos, Palas de Rei, Betanzos e Boimorto. Tamén concluirá a reforma do albergue de Melide o próximo ano, polo que suma 130 prazas ás 167 que estarán habilitadas no Xacobeo no Pazo de Congresos da localidade.
Trackback(0)
|