 Acto durante o encontro Dúas mesas redondas, “(Auto)edición: a mirada do libro de autor” e “O peso da nación” puxeron fin ao IV Encontro de Novos Escritor@s que, baixo o epígrafe Eu os Nós?, se celebrou nesta fin de semana no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Eu ou Nós?, foi unha oportunidade para se encontrar e coñecer cales son as necesidades, proxectos e expectativas que dentro da nosa literatura teñen @s nov@s creadores/as, pois, se ben na actualidade vivimos en sociedades onde a liña que separa o Eu do Nós é cada vez máis grosa, non esquecemos que a palabra segue a ser signo referente á hora de enmarcar a nosa identidade. Na primeira das mesas redondas celebrada nesta derradeira xornada, “(Auto)edición: a mirada do libro de autor”, coordinada por Antía Otero, Baldo Ramos falou das súas experiencias como confeccionador de libros de artista, nos que mestura a obra escrita, a súa poesía, con aspectos máis visuais, máis gráficos, á vez que analizou as posibilidades e limitacións que teñen este tipo de obras. Pola súa banda, a diseñadora gráfica Uqui Permui, ademais de dar conta do seu Proxecto-Edición e de Entrecruzar, e doutros exemplos de edición máis recentes como o libro de artísta de Carme Nogueira, ou o magazine 0032, defendeu as posibilidades para a (auto)edición, afirmando que a simple fotocopia pode ser, como ten demostrado, subversiva e un excelente canle de comunicación. Sinalou, igualmente, a importancia e crecemento que están tendo as “edicións alternativas”, grazas as posibilidade da rede: dende festivais e exposicións, librarías on-line especializadas neste tipo de publicacións a enlaces que existen entre os propios editores, artistas, escritores e deseñadores vinculados a elas. Francisco Castro coordinou a segunda mesa, “O peso da nación”, na que interviron María Lado, Estíbaliz Espinosa e Séchu Sende. O autor Séchu Sende considerou falso o debate entre literatura comprometida ou non comprometida, dado que, segundo afirmou, á hora de crear buscase unha tensión creativa intentando vencer poderes como poden ser a morte, o desamor e a inxustiza. Abogóu, igualmente, por atopar espazos para a escrita reintegracionista, para unidas unhas e outras normativas, tirar do carro da nosa lingua. Estíbaliz Espinosa, pola súa banda, considerou que a literatura e o peso literario sempre debe estar por diante do peso da nación porque, de non ser así –sinalou- sería moi fácil saber que temos unha boa obra literaria entre máns só porque aborde o tema da nación, o cal salientou que é importante pero non suficiente, porque ese feito por sí só non marca a calidade literaria. O IV Encontro de Novos Escritores clausurouse na Fundación Luis Seoane da Coruña cun recital poético musical no que interviron Eduardo Estévez, Alicia Fernández, Antía Otero, Mario Regueira e Elvira Riveiro, e o Colectivo Oruga.
Trackback(0)
|