 Miguel Santalices Os votos en contra da maioría do PPdeG impediron que prosperase unha moción do PSdeG que reclamaba a licitación do proxecto de ampliación do hospital de Montecelo en Pontevedra. O deputado do PPdeG, Miguel Santalices, xustificou o voto en contra alegando que a Xunta ten en marcha o proceso para a construción dun novo hospital e lamentou a "postura inmovilista" da oposición, a quen criticou que non quieran "recoñecer que o proxecto actual é moito mellor". O contrario, apostillou, "sería inxusto" para os pontevedreses.
Fronte a esta posición, o voceiro socialista en materia sanitaria, Modesto Pose, acusou o Goberno galego de promover o novo hospital en Monte Carrasco (Pontevedra) para "cumprir o gusto de Telmo Martín" (voceiro do PPdeG no Concello de Pontevedra e vinculado ao sector da construción) e instounos a "volver á cordura" e abandonar a súa "errónea" postura. Pola súa banda, a deputada do BNG Ana Luisa Bouza lamentou que o Goberno actual "tire pola borda o investimento anterior" para a ampliación do hospital de Montecelo e criticou a falta de información sobre o plan sectorial para o novo hospital. A única información, indicou, procede da facilitada tras a aprobación polo Consello da Xunta e do informe "que atopamos na páxina web de Telmo Martín". Neste sentido, comunicou que solicitaran á Xunta--a través do artigo noveno do regulamento do Parlamento-- o informe de Gesmédica sobre o plan sectorial. Modesto Pose, pola súa banda, acusou á Xunta de estar "dilatando" a dotación de servizos hospitalarios aos pontevedreses e cualificou de posible "cortina de fume" os anuncios da Xunta. "Van facer un hospital único, que farán co provincial e con Montecelo, e cos quirófanos recén construídos?", preguntouse. O deputado do PPdeG Miguel Santalices, pola súa banda, asegurou que sería "inxusto" que se "castigase á sociedade pontevedresa" sen darlle a oportunidade de contar cun novo hospital e asegurou que algúns elementos do proxecto de ampliación do bipartito "metían medo". Porén, indicou que a posición de PSdeG e BNG era "intrascendente" porque "Pontevedra contará cun hospital único". Doutra banda, a sesión vespertina do pleno da Cámara pechouse co rexeitamento a outras dúas mocións dos grupos da oposición por parte da maioría do PP. En concreto, foi rexeitada unha moción do BNG sobre a planificación da Xunta para previr a violencia de xénero e outra do PSdeG sobre os criterios para o reparto de fondos para políticas activas de emprego na próxima conferencia sectorial no Ministerio de Traballo.
Trackback(0)
|