 Fernando Blanco do BNG Por unanimidade, o pleno do Parlamento aprobou a toma en consideración da proposición de lei presentada polo BNG para a modificación da lei de caixas de aforro de Galicia. O autor da iniciativa, o nacionalista Fernando Blanco, proclamou que a admisión da proposta--que inicia agora a súa tramitación lexislativa-- é unha "boa noticia para os galegos" e avogou por situar "os intereses de Galicia por enriba de todo".
O voto favorable do PP--que causou sorpresa entre as filas da oposición-- permitiu que prosperase a iniciativa, que o BNG defendeu como "aberta" e da que destacou a importancia de que sexa "unha lei do conxunto de Galicia". Malia o seu apoio, Puy Fraga (PP) expresou a súa falta de coincidencia co articulado íntegro do BNG e anunciou que o seu grupo presentará "emendas" para evitar que se "poña en risco a profesionalidade" das caixas, aínda que tratando de buscar "o máximo consenso posible". O grupo socialista apoiou a toma en consideración da proposta do BNG, malia que inicialmente solicitara a retirada da devandita proposición e que fose incorporada como documento de traballo nun relatorio conxunto dos tres grupos para a reforma lexislativa. "Non estamos en contra de que a lei se reforme, pero entendemos que debe facerse por consenso", argumentou o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga. A proposición de lei do BNG busca dotar a Galicia dun instrumento "que marque o escenario de futuro" das caixas. Malia recoñecer que o Goberno galego non pode impor unha fusión, Fernando Blanco lembrou que si pode "marcar territorios vedados" e prohibir determinados movementos que poidan derivar nunha distorsión da natureza xurídica e do papel social das caixas galegas. O BNG fixo nun 20% a presenza que a Xunta debe ter nos consellos de administración das caixas, co dobre obxectivo de "estar presentes" e "coordinar políticas que rendibilicen o aforro dos galegos". De feito, a participación pública nas caixas é un dos puntos que xeran máis discrepancias entre os grupos, xa que o PPdeG coincide en "reforzar a capacidade da Administración" pero incide na xestión "independente e profesionalizada", así como na necesidade de evitar a politización e de "redefinir os órganos de goberno das caixas con independencia e rigor". Na súa proposta, o BNG avoga por mellorar a transparencia e "democratización" das caixas, habilitando un proceso de elección das direccións "libre e directo". Tamén propón a creación dun comité de retribucións--onde se analice o nivel de ganancias dos cargos directivos-- e outro de investimentos, que decida que proxectos son estratéxicos para o país. En ambos os dous comités, a Xunta estaría presente, "con voz e voto". "Estar á altura das circunstancias" O voceiro económico do grupo popular, Pedro Puy Fraga, fixo un repaso do programa electoral do PPdeG, onde incluían a reforma da lei e avogaban por reforzar o papel social das caixas e as garantías de boas prácticas, entre outras cuestións. Puy Fraga resaltou que os cambios no contorno provocados pola crise xeraron novos retos que fan necesaria a adaptación da lei de caixas galegas, sempre buscando "galeguidade e eficiencia". Por iso, apoiou a proposta do BNG e resaltou que "hoxe, esta Cámara estase a pór á altura das circunstancias". O obxectivo, segundo o deputado popular, é que "Galicia non quede excluída do panorama financeiro internacional". Pedro Puy subliñou que o tema das caixas é "verdadeiramente de país" e achacou a súa posición a unha "coherencia que nos avala". Pola súa banda, Fernández Leiceaga (PSdeG) sinalara que a "pelota" deste tema estaba "no tellado do PP" e defendeu a necesidade de reformar a normativa actual porque "estamos nun momento crítico". O PSdeG fixo unha chamamento ao PP para que "non botase en saco roto" a súa petición de relatorio, que tamén trasladou ao BNG, malia non prosperar finalmente. Entre os aspectos a ter en conta, o voceiro socialista aludiu á necesidade dunha xestión "profesional responsable" e avogou por un "axuste da representación dos consellos de administración á realidade do país". Tamén subliñou a conveniencia de "reflexionar" sobre a necesidade de regular a nova figura das SIP (Sistema Institucional de Protección). O voto favorable do grupo popular causou sorpresa entre a oposición, habida conta de que, na pasada xunta de voceiros parlamentarios, Manuel Ruiz Rivas (PPdeG) dubidara da oportunidade da proposta. "O PP non descarta a reforma da lei de caixas, pero non pode ser un elemento que distorsione" o debate actual, xustificou a pasada semana Ruiz Rivas, quen vía "imprudente" a proposta.
Trackback(0)
|