 Gayoso, Feijóo e Méndez A Xunta de Galicia acordou dar un prazo o “último límite” de sete días ás dúas caixas galegas (Caixa Galicia e Caixanova) para tratar de consensuar unha “estratexia común” sobre o seu futuro inmediato e asegurar “a presenza de Galicia no mapa financieiro español”. Así explicouno o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. O mandatario reuniuse no Parlamento galego durante pouco máis de dúas horas co director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, e co presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso. Era o primeiro encontro entre os tres.
O Goberno galego entregou aos dous dirixentes o estudio “concienciudo” sobre ambas as dúas entidades elaborado nas últimas semanas. Ante a pregunta de se o informe aconsella a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, Feijóo contestou que “A esa pregunta poderei contestar no prazo duns días”, dixo á prensa sen dar máis detalles o titular da Xunta, quen expuxo, iso si, dous obxectivos claros: manter a “galeguidade” das dúas entidades e a súa “solvencia”. Os dirixentes das dúas entidades, que segundo Núñez Feijóo propuxeron unha nova reunión entre as tres partes para “poñer en claro as conclusións”, evitaron pronunciarse sobre o contido do encontro. Os executivos só explicarán as súas posicións cando acaben de analizar o informe. Ese é o compromiso. A Xunta pretende que as caixas estuden con “rigor, responsabilidade e obxectividade” o informe do Executivo galego, entregado ás dúas entidades. O estudio “será constrastado nun prazo máximo dunha semana”. A Consellería de Facenda, que xestiona Marta Fernández Currás, exercerá de “mediadora”. As reunións de traballo comezarán mañá. Logo, “as entidades trasladarán a súa opinión definitiva”. Lei de caixas O presidente da Xunta tamén anunciou, na roda de prensa á que asistiron Xulio Fernández Gayoso e José Luis Méndez, que o PP, con maioría absoluta na Cámara galega, propiciará a aprobación no Pleno do Parlamento dunha proposición do BNG para reformar “de forma inmediata” a actual lei de caixas, con xa 24 anos de existencia. E achegou, como razóns que moven aos populares a “modernizar a lei”, a aposta por “reforzar as labores de protectorado que lle corresponden á Xunta e afondar na democratización e na actualización da representatividade dos órganos de Goberno” das caixas. Feijoó tamén falou de “reforzar a profesionalización” das entidades de aforro de Galicia. Por que apoiará o PP a proposición do BNG? Porque “enganchándonos á proposta da orde do día” do Pleno parlamentario “gañamos moitos meses”, dixo Núñez Feijóo. Logo a formación popular, que actuará “coa maior celeridade posible”, presentará as súas propostas. Segundo as súas palabras, o obxectivo último desta reforma lexislativa radica en garantir “a profesionalidade na xestión operativa das caixas” e, ao mesmo tempo, que “a representación social e a Administración autonómica estean presentes no que se refire ás decisións estratéxicas”. Porque, apuntou, o Goberno galego “debe ser responsable en relación ás decisións que adopten os órganos de goberno” das entidades de aforro. Acordos da reunión Xunta, Caixa Galicia e Caixanova, segundo explicou Núñez Feijóo tras o encontro, lograron consensuar tres puntos en común. “Que Galicia non debe nin pode permitirse desaparecer do mapa financieiro, que as caixas galegas non poder permanecer inmóbeis e que agora toca evolucionar e tomar decisións”. O presidente da Xunta afirmou que “a diagnose é similar” e indicou que “agora toca poñerse de acordo sobre unha posición común”. “Estamos xuntos intentando buscar a mellor decisión para Galicia”, dixo. O encontro entre Alberto Núñez Feijóo, José Luis Méndez e Xullo Fernández Gayoso (o primeiro entre os tres) foi “frutífero e clarificador”, segundo explicou o presidente da Xunta nunha concorrida roda de prensa. Á reunión tamén acudiu a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás. O titular do Executivo galego destacou a “disposición plena para abordar este traballo no que estamos conentrados”. Núñez Feijóo tamén indicou que o encontro “serviu para constrastar as diferente argumentacións” das dúas caixas “ante a necesidade que ten Galicia de atopar unha estratexia común nun escenario financieiro que se move”. O presidente asegurou que nos próximos días a Xunta fixará a súa posición sobre as caixas. E tamén asegurou que as caixas tamén o farán. “Deberán adoptar unha decisión no ámbito dos seus órganos de Goberno”. Núñez Feijóo volveu a apelar á responsabilidade “”de dar unha resposta á sociedade galega e “defender os intereses xerais”.
Trackback(0)
|
É de resaltar, en positivo, que o PP apoiase a Proposición de Lei presentada polo BNG.
Tamén é para felicitarse que o PP semella pretender agora avanzar na politización e no control público das caixas.
Mágoa que ata hoxe ningún partido político, ningún goberno, tomase a iniciativa -se atrevese- a abordar este asunto nun momento de menos premura e con máis tranquilidade da que rexistra o escenario actual.
Eran moitas as voces que en toda a lexislatura do bipartito viñan chamando a atención reiteradamente sobre a importancia deste asunto. Nin PSOE nin BNG atoparon o momento nin a oportunidade. Seguramente era máis doado, e menos arriscado para determinados intereses, manter a entente cordiale coas tecnocracias dirixentes de ámbalas dúas entidades. Non deixa de ser este un bo exemplo dos continuos e baldíos esforzos da esquerda por achegarse e levarse ben cos poderes económicos do país. Esforzos estériles porque eses poderes económicos, máis aló de gardar as formas de xeito máis ou menos elegante, cando teñen que elixir non dubidan nunca cál é a súa opción política, cáles son os seus.
De terse acometido esa reforma lexislativa no seu momento, outro galo lles cantaría hoxe a todos. Ás propias caixas, aos seus dirixentes e aos políticos.
Agora é tarde. Semella que Núñez Feijóo está decidido a impulsar a fusión -basta con ver o despliegue "informativo" e o desfile de opinantes, sen restriccións de tempo, nos telexornais da tvg durante toda esta semana-.
Máis en: http://afuradadotrasno.blogspot.com/