 Francisco Rodríguez O alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, asegurou que o arquitecto Norman Foster mostrou a súa "disposición" a participar no proxecto da futura estación intermodal da Alta Velocidade, que se construirá no barrio de A Ponte da cidade de Ourense coa chegada da AVE, así como no proxecto de construción do novo viaduto na zona de Oira.
O rexedor municipal sinalou que o recente Premio Príncipe de Asturias mostrou interese en participar ambos os dous proxectos xunto ao seu equipo tras un encontro informal que mantiveron en Madrid, na Galería Ivory Press, onde tamén estivo presente a súa esposa, a xornalista ourensá Elena Ochoa. Francisco Rodríguez realizou estas declaracións tras a visita a unha obras do FEIL no barrio de A Ponte, na cidade de Ourense. Na súa intervención, manifestou que a el gustaríalle que “os mellores arquitectos e enxeñeiros do mundo” participen no proxecto da estación coa chegada de AVE. Por iso, asegurou que fixeron unha aproximación a Norman Foster “aproveitando que a súa esposa Elena Ochoa é de Ourense” para “buscar esa sensibilidade necesaria” e que “no momento oportuno mostrase interese en dar esas opinións no proxecto de integración da AVE a Ourense", dixo. Francisco Rodríguez sinalou que desa aproximación co arquitecto ten “coñecemento” tanto o Ministerio de Fomento como o presidente da Xunta aínda que explicou que “a nós o que nos gustaría é que como valor engadido” no proxecto quede “o selo dun Premio Príncipe de Asturias pero pode haber outros máis” en referencia a "outros arquitectos de prestixio mundial”, engadiu. O alcalde de Ourense explicou que seguirán traballando coa idea de que non só “haxa unha boa integración” do Tren de Alta Velocidade na cidade senón que “haxa un valor engadido” que sitúe a Ourense no contexto “da enxeñería dos mellores urbanistas do mundo e que sexa unha referencia”. Os primeiros contactos con Norman Foster establecéronse por misivas, segundo explicou o rexedor socialista, xa que ao principio desde o Concello de Ourense remitiron varias cartas ao Premio Príncipe de Asturias. Posteriormente, tiveron un “encontro” con motivo dunha exposición de todos os bocetos de Foster ao longo da súa vida profesional nunha galería de Madrid. A partir de aí, o rexedor municipal explicou que manteñen “contacto” co seu “equipo” que se encontra en Inglaterra “que trasládanos a súa vontade de participar” no proxecto.
Trackback(0)
|