Cambio de estratexia Diante desta pésima situación o actual goberno galego considera acertado mudar a estratexia xusto a un mes e medio do evento da chegada do ano Xacobeo. A idea é facilitar a chegada de viaxeiros aos nosos aeroportos e informar do destino “Galiza” no seu conxunto. En pleno debate sobre o futuro dos aeroportos galegos e as loitas localistas entre Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou hai uns días unha inversión de 4 millóns de euros para financiar as liñas de baixo custe que porán en marcha cinco novas rutas. Polo momento non está fixada a data de estrea destas liñas (entre xaneiro e marzo de 2010) pero si sabemos que, ademais de manter as xa existentes desde Compostela ata Frankfurt, Roma e Londres (Ryanair), incorporarán novos destinos: Vigo-Bruxelas, A Coruña-Amsterdam e Santiago-Zúric (Vueling) e outras dous en territorio estatal (Vigo-Sevilla e A Coruña-Valencia). A outra actuación consistirá en realizar un “esforzo” de promoción turística nas cidades dedestino co obxectivo, segundo palabras do propio conselleiro, de que “as liñas se convirtan en rendibles e non necesiten axudas da Xunta" a medio prazo. Para ese labor de comunicación e promoción do destino galego, o departamento que dirixe Roberto Varela prevé un gasto de 1,3 millóns de euros para estimular a demanda destas novas rutas aéreas, coa que tamén se aspira a reforzar á comunidade no tocante ao acceso das empresas aos mercados e a internacionalización da economía. Distribución Tendo en conta que Galiza conta con tres aeroportos a distribución non foi doada. O propio Varela afirmou que este aspecto levou un traballo “moi riguroso”. Repartiuse en función de criterios económicos (facturación empresarial, traballadores...), de poboación (residentes nun radio de 30 quilómetros, cota de mercado, pasaxeiros...) e turismo (pernoctacións, turistas sobre o total de pasaxeiros...). O resultado do reparto foi que Alvedro (A Coruña) contará con 1,2 millóns de euros; Peinador (Vigo) con 1,39 millóns de euros e 1,36 millóns de euros para Lavacolla (Santiago). Por coincidir co Ano Santo, a terminal compostelá recibirá a través do Xacobeo medio millón de euros máis. A este anuncio da Consellería responderon as diferentes institucións locais, a oposición política e varios colectivos. Os primeiros en dar a súa opinión foi a oposición parlamentaria. A voceira de Turismo do grupo parlamentario socialista, María Quintas, anunciou que rexistrará unha iniciativa na Cámara galega para coñecer "con luz e taquígrafos" o procedemento da concesión á compañía Vueling, presidida polo ex ministro do PP Josep Piqué, das novas rutas aéreas. Os socialistas mostraron "estrañeza" sobre este asunto, ao entender que habendo 72 aeroliñas na negociación "só Vueling leva a guinda do pastel", indicou a deputada. Entre os colectivos que ven positiva a medida figuran os empresarios de Compostela. Para este sector da capital é o momento de defender "con rotundidade e sen localismos" o papel de Lavacolla como aeroporto central de Galiza. As previsións do Ano Santo de 2010, a posta en marcha da Cidade da Cultura, ou "o dinamismo da metrópole compostelá", son "argumentos definitivos" para esta aposta, aos que se suman ademais as "magníficas comunicacións" co resto de Galiza e a modernización e ampliación prevista por AENA do aeroporto santiagués. A outra cara témola en Vigo onde non sentaron nada ven estes números. Segundo datos da propia Xunta as cantidades que se manexan para o próximo exercicio supón triplicar o investimento realizado para A Coruña no 2008 (300.000 euros), exercicio no que o aeroporto de Vigo non recibiu nada. Do mesmo xeito, coa nova distribución das axudas Santiago multiplica por 2,5 a achega de 2008 que Incolsa recibiu para low cost. Destino único A polémica sobre os aeroportos, se tres son demasiados e habería que centralizar todo o tráfico aéreo nun só, quedou fóra do debate ao introducir a Consellería a idea de vender como destino único a marca “Galicia”. Algo semellante veñen desenvolvendo en Barcelona onde tres dos catro aeroportos dese territorio empregan a marca “Barcelona” aínda que estén situados en Girona ou Reus (Tarragona). Precisamente en Catalunya non teñen ningún problema en contar cun aeroporto máis que os galegos (o de Lleida) e con sete aeródromos (con previsión de construir sete máis). Claro que a inversión neste tema da Generalitat será, para o periodo 2009-2015, de 394,22 millóns de euros. Incremento de viaxeiros Se as liñas de baixo custe incrementan ou non o número de visitantes tamén saiu a debate estes días ao afirmar o conselleiro de Cultura, Roberto Varela sinalaba hai uns días no Parlamento Galego que contaba cun informe que revelaba que menos do cinco por cento dos turistas que visitan Galiza utilizan o avión para chegar á comunidade, mentres que máis do 90 por cento utilizar o vehículo privado. Ante estas afirmacións, a deputada do BNG Carme Adán solicitou á Xunta que explique as accións que vai a desenvolver para favorecer a "consolidación das liñas de baixo custo" ademais de coñecer de primeira man o devandito informe. Os datos oficiais de AENA si indican un forte crecemento no número de pasaxeiros dende a aparición das liñas de baixo custe en Galiza. Así se en 2004 (antes da aparición das Low Cost) pasaron polos aeroportos galegos 3.078.868 pasaxeiros catro anos despois, en 2008, a cifra incrementouse ata os 4.371.198 pasaxeiros. Outra cuestión é se estes datos se manterán ou non en vindeiros anos sen axudas públicas por parte da administración galega. Ese debate, a día de hoxe, aínda non entrou, como tampouco cal será o futuro das comunicacións aéreas pasado o ano Xacobeo. | | Chegada das Low Cost As liñas de baixo custe chegaron a Galiza en abril de 2005 cando a aeroliña irlandesa Ryanair inauguraba a ruta a Londres dende Lavacolla. Despois sería Air Berlin en novembro dese mesmo ano quen iniciou as súa operacións enlazando Santiago con Palma de Mallorca. Vueling sería a seguinte en aterrizar en Galiza en abril de 2006 coa liña Santiago-Barcelona. En setembro de ese ano esta mesma empresa ampliaría oferta coa conexión a Madrid e París. Alvedro negociou a entrada de EasyJet en febreiro de 2007 para unir A Coruña con Madrid, pero esta liña durou pouco. En marzo de 2007 será Clickair que leve a liña A Coruña-Londres, A Coruña-Sevilla e A Coruña-Barcelona. Peinador ralentizou nos últimos tempos a súa oferta de baixo custe. |