Advertisement
Puntogal
Corrupción, unha pandemia ao axexo PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 1
MaloBon 
Escrito por Ramón Muñiz   
lunes, 23 de noviembre de 2009

Parece ser que aquelo de que a función dos políticos era servir ao pobo pervértese agora pola de servirse a si mesmos. As tramas de corrupción, que nos conmoven dende fai tempo, das persoas que dispoñen de poder, están a superar con fartura a excepcionalidade que toda regla ten, ao estenderse como mancha de aceite por toda a xeografía hispana na medida que se amplían as investigacións e se incrementan as fiscalías anticorrupción. Polo que se deduce que aínda hai moito máis do que se descobre. Máis aínda, cando as dificultades para facelo son moitas dado o maior  coidado dos corruptos e dos seus cómplices, e ata porque unha vez conseguidos os indicios, necesítanse anos de seguimento  para obter  as probas inculpatorias.

É certo que corrupción haina en todas partes do noso contorno democrático, como consubstancial que é ao sistema capitalista que o rixe, no que o lucro, neste caso incesante, está na súa natureza e o enriquecemento persoal, legal por suposto, valórase como símbolo de triunfo social. Nesta tesitura   evitar a corrupción resulta tarefa imposible, o mesmo que outras moitas distorsións que as contradiccións do capitalismo xenera. Trátase, entón, de controlala para que non pase duns límites que sen dúbida poden poñer en perigo a formalidade do estado democrático en cuestión, como xa ocorre nalgúns paises onde o Estado convírtese nunha ficción cando as  súas institucións, aparecen contaminadas polo virus da corrupción ligada ás mafias de la delincuencia.

A corrupción, unha vez inserida firmemente no corpo político dun país, produce a desmembración do Estado en canto institución responsable da organización social para o ben común, capaz de facer valer a súa autoridade moral e coercitiva para defender os valores que dan sentido á democracia. A súa transformación nun Estado corrupto de intereses espureos, contribuen, a súa vez a unha desestruturación social na que impera a lei da selva onde o máis forte é o rei, infectando a todo o corpo social, xenerando insolidariedade, explotación, miseria, humillación, temor e sobre todo: a inxustiza e o odio como norma de vida.          

Que  España non chegue a esa situación non quere dicir que non se albisque certo  proceso de descomposición moral de importantes sectores políticos. A isto, non foi alleo a atipicidade do seu desenvolvemento económico baseado, en grande parte, na coñecida como burbulla inmobiliaria, onde correron os cartos a eito, e pecháronse os ollos á entrada de recoñecidos capos mafiosos de diversos paises que, estimulados por tal mercado, viñeron a facer o seu agosto. Cunha opulenta e tranquila vida nas súas costas, non lles faltou tempo para convencer e integrar nos seus plans criminais a cantidade de xente nativa de variadas profesións e negocios, onde a colaboración dos políticos de quenda facíase imprescindible.

Caer agora, no de todos os políticos son iguais, non é máis que polas características da nosa democracia, onde o poder repártese unicamente entre dous partidos que abranguen a grande maioría dos votantes e ocupan a inmensa maioría dos poderes municipais, autonómicos e por suposto estatal. Son eles, os que se reparten maioritariamente, aínda que sexa en desigual medida, os casos de corrupción. A apreciación, entón, da xente é que a política é cousa de dous, e ambos teñen moito que ver coa corrupción. Os minoritarios,  máis decentes, aínda que cando mandan algo tamén teñen o seu aquel, pouco interese despertan e pouco poden contrarrestar esa apreciación.

Isto, sen dúbida, leva a desafección ás urnas dun avultado número do censo electoral pero, tamén, a unha mala entendida solidariedade dos partidarios dambos grupos maioritarios, que banalizan a corrupción dos seus, mentres acentúan a dos  contrarios, o cal non axuda a solución do problema.

E así, entre guatemala e guatepior a sociedade hispana, de non xurdir unha esquerda, forte, ética, decididamente coaligada contra a corrupción política, que mande parar, corre o risco de acabar  dependendo dun Estado de corte”berlusconiana” de perversión democrática.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >