|
O “Alakrana” chegou a bó porto e o patrón Blach e máis os outros sete compatriotas galegos están xa salvos, canda os seus outros vinte e oito compañeiros. É o tempo do reencontro coas súas familias, que asumiron en xeral un rol maduro e protagónico na xestión da crise. Mais todos podemos tirar importantes ensinanzas desta andaina:
1.- A principal función dun Estado non é garantir un indeterminado prestixio exterior, senón garantir a vida dos cidadáns. Abriuse unha fenda, quizais irrevérsibel a respecto da vixencia absoluta do axioma “o Estado non negocia á chantaxe”, que presidiu as crises dos secuestros dos atletas xudeos en Múnic (1972), de Aldo Moro (1976) e do propio Miguel A. Blanco (1997). 2.- Os Gobernos respostan en relación directa á mobilización social e cidadá exercida. O Goberno do Estado xestionou a crise dun xeito manifestamente mellorábel e só concretou as súas accións cando as familias adoptaron unha actitude madura, de esixencia ao Poder e de apertura á sociedade para demandar a súa solidariedade. As demostracións de Bermeo e Vigo amosaron a sensibilidade cidadá diante da crise e centraron de vez a acción gobernamental. 3.- O Estado é pequeno de máis para as cuestións militares e de política exterior. Precisamos xa dun Exército europeo e unha política exterior europea. Xa sabíamos que o Estado era grande e ineficaz de máis para as políticas educativa, sanitaria e sociais e para as políticas de fomento empresarial. Agora sabemos tamén que as políticas militar e exterior quédanlle grandes. Europa (e con ela Galicia) só será respectada internacionalmente se lle da pulo a esa estrutura militar común e implementa unha política exterior activa. Unha vez máis, a fórmula axeitada é máis Galicia, menos España e máis Europa. 4.- Na Europa e na España actuais segue sen existir sensibilidade marítima e pesqueira. Galiza e Euskadi son excepcionais neste senso, polo peso relativo que ten o complexo mar-industria en cadansúas economías. Esta vocación pesqueira e, mais xeralmente, marítima ten de seguer a definir a nosa estrutura económica. É inadmisíbel esa teoría madrileña segundo a que “pescar atún no Índico sae caro de máis”. 5.- A Xunta e o Goberno vasco haberían ter participado no Comité gubernamental xestor da crise. Segundo o Estatuto de Galicia, a actuación da Xunta ten o seu sentido na defensa da identidade e intereses deste País. Ben estivo o interese do Presidente Feijóo por partillar a xestión da crise. De seguro que agora se decata da importancia de mellorar o marco xurídico-político do autogoberno e do seu gravísimo erro ao frustrar, vai xa para tres anos, a aprobación dun novo Estatuto que cumprise esa función histórica.
Trackback(0)
|