 Beatriz Mato, conselleira de Traballo A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, anunciou que o seu departamento levará ao Parlamento "nos primeiros seis meses do 2010" o proxecto para a posta en marcha dunha Lei de apoio ás familias galegas "que permitirá coordinar todas ás políticas que teñan que ver coas familias para fortalecer a súa posición", dixo.
Mato informou da iniciativa durante o acto que a Fundación Meniños desenvolveu para presentar un documento de avaliación dos resultados do programa de integración familiar, posto en marcha en Vigo no ano 1992 co obxectivo de que os menores que permanecían en centros de acollida volvesen cos seus pais ou, no caso de que a custodia non estivese retirada, mellorar unha convivencia a continuidade da cal está en perigo. Así as cousas, a titular de Traballo indicou que a Xunta traballa na actualidade con 221 menores dentro do citado plan, o Programa de Integración Familiar de Galicia. Dende Meniños, entidade que se ocupa do desenvolvemento desta iniciativa xunto coa Xunta, presentaron un estudio cos resultados obtidos entre os anos 1993 e 2004. Neste sentido, o presidente da Fundación, Valentín Escudero, quen agradeceu a presenza da conselleira en tanto que encarna a "máxima responsable en protección á infancia", explicou que, dende a súa posta en marcha, do programa beneficiáronse un total de 1696 nenos pertencentes a 768 familias. Segundo explicou, o estudio presentado en Compostela baseouse, entre outros aspectos, na entrevista a menores que a día de hoxe están fóra do programa para comprobar en que medida se atopan integrados. A xuízo de Escudero, foi "emocionante e reconfortante" comprobar como o Plan de Integración canalizara as súas vidas. Nos mesmos termos pronunciouse Mónica Permuy, directora xeral de Meniños, que se ocupou de analizar os resultados do estudio. Ao fío, subliñou como o traballo do colectivo ao que representa "traballa con xeracións, os apelidos son sempre os mesmos", polo que resulta fundamental comprobar en que medida o obxectivo de programa, a integración e a mellora de convivencia, se prolonga no tempo. Neste sentido, anunciou que o plan pode desembocar en dous resultados distintos: ou ben a reunificación familiar, conseguir que un menor internado nun centro ou que convive cunha familia de acollida poida volver coa súa propia; ou ben a preservación, que busca reducir os factores de risco detectados no núcleo familiar e que poñen en perigo esa convivencia, podendo derivar na necesidade dun internamento ou unha acollida. Os últimos datos falan do éxito do programa: o nivel de protección dos menores que se beneficiaron del foi o "óptimo", a familia protectora, no 83% dos casos. "Queda demostrado que os casos non van e veñen, senon que se canaliza o futuro deses nenos de xeito unidireccional, sen que teñan que volver entrar no programa". En todo caso, Permuy chamou a 'non se alegrar' no éxito alcanzado e interpretar as cifras como "un desafío para o futuro", manifestou. Segundo os datos que se desprenden do informe presentado, nos que se analizou o futuro de 697 menores pertencentes a 336 familias que participaron no programa, o perfil medio é o dun neno duns sete anos, sen diferenzas importantes por razóns de sexo, que se atopa internado nun centro dende fai polo menos dous anos. Mentres, o proxenitor é na maior parte dos casos unha parella con dous fillos ao cargo e con problemas sociofamiliares cronificados, isto é, que conviven co alcoholismo, a adicción ás drogas ou unha enfermidade grave. Ademais, os pais non dependen de subsidios e nunca sufriron unha retirada de custodia. Citando a Platón e poñendo a mirada no 20 de novembro, o Día Internacional da Infancia, Beatriz Mato arrancou o seu discurso sinalando que "a educación máis eficaz consiste en que un neno xogue entre cousas belas". A xuízo da conselleira, "a verdadeira axuda é a integración dos nenos", e detrás dese obxectivo traballa o Programa de Intervención, do que se mostrou "razoablemente satisfeita" por conseguir ao longo dos anos que fose referencia no Estado español. Tras anunciar que a Xunta presentará no Parlamento a citada lei de apoio ás familias galegas antes de que se peche a presente lexislatura, Mato enmarcou este tipo de accións dentro dunha política de apoio "esencial nestes tempos de crise onde os sectores máis vulnerables poden verse especialmente afectados", indicou.
Trackback(0)
|