|
Alberto Gago pide á Xunta algún edificio en Pontevedra para situar a facultade de Belas Artes |
|
|
|
|
Escrito por Redacción
|
|
jueves, 19 de noviembre de 2009 |
 Alberto Gago O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, solicitou formalmente á Xunta de Galicia a cesión dalgún edificio propiedade do goberno autonómico para situar nel de forma temporal a facultade de Belas Artes, mentres non se completa a construción do Edificio das Artes que se proxecta nos antigos terreos da fábrica de Tafisa.
Durante o encontro que mantivo co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, Gago trasladoulle a súa preocupación pola situación que atravesa o proxecto de construción da futura facultade de Belas Artes, polo que ante a posibilidade de que este proxecto se demore no tempo, o responsable máximo da Universidade de Vigo realizou esa petición. Outra posibilidade que Alberto Gago lle transmitiu ao delegado foi que sexa a Escola de Restauración a que se traslade a un novo edificio para que, deste xeito, Belas Artes poida ocupar o seu actual espazo, polo que en calquera dos dous casos, a Universidade trasladará nos próximos días á Delegación Territorial os metros cadrados necesarios para realizar algún destes dous traslados. O delegado territorial da Xunta, pola súa banda, comprometeuse a trasladar a petición e os datos á Consellería de Educación para que avalíe a posibilidade exposta pola Universidade de Vigo aínda que xa avanzou a dificultade de contar na cidade de Pontevedra cun centro ou edificio das características que necesita a institución universitaria. Ademais, durante a reunión tamén debateron os dous responsables sobre a posibilidade da creación dun ciclo formativo en Enoloxía no campus de Pontevedra, aínda que o reitor volveu a insistir na súa preferencia pola creación dun máster bianual compartido polo campus de Pontevedra e Ourense e enfocado non só ao apartado enolóxico senón tamén con asuntos relacionados coa viticultura e coa xestión das empresas que se dedican a este sector.
Trackback(0)
|