 Presentación en Madrid do Camiño dos Satélites A Casa de Galicia de Madrid acolleu a presentación do 'Camiño dos Satélites ', un proxecto que pretende axudar persoas con diversidade funcional, cegos e xordos especialmente, a realizar o Camiño de Santiago. A iniciativa, que parte da Fundación Tecnoloxía Social (FTS) coa colaboración da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxía e Comunicación (AGESTIC), quere fomentar a participación na ruta convertendo a tecnoloxía nunha ferramenta ao servizo de todos a través de catro liñas principais: o camiño trazado en GPS, seguimento dos participantes a través de GPS, comunicación audiovisual da peregrinación e guías na internet de axuda ao peregrino.
Para Enrique Varela, presidente de FTS, é unha evolución máis da tecnoloxía, xa que para os primeiros peregrinos, "a cuncha de vieira que levaban para beber era xa tecnoloxía". Varela explicou tamén que o proxecto recibe este nome debido a que se antes os peregrinos guiábanse coas estrelas agora a súa ferramenta serán os satélites. O GPS é a ferramenta fundamental do proxecto e funciona mediante comandos de voz que permitirán, ademais de orientar os peregrinos, escoitar música, radio, obter información puntual do camiño, coñecer canto se camiñou ou calcular a velocidade. As persoas xordas, pola súa banda, disporán de GPS con indicacións en pantalla. O GPS será tamén a ferramenta que transmita a un servidor a posición dos peregrinos para coñecer as súas posicións exactas. Elección de participantes O proxecto terá unha periodicidade anual e os primeiros 20 peregrinos sairán de Roncesvalles o vindeiro 2 de outubro para chegar a Compostela entre 30 e 32 días despois, cun termo medio de 30 etapas. Xunto a estes peregrinos, percorrerá tamén o Camiño, e por sexta vez, o cantante Serafín Zubiri, autor da canción 'Unha liña no ceo ', que é a banda sonora do proxecto. Estes 20 participantes serán escollidos a través dun casting que se poderá votar a través de internet e no que os aspirantes deberán explicar por que queren peregrinar a Compostela con este proxecto. Todo o percorrido destes primeiros participantes quedará reflectido nunha serie documental e poderá seguirse día a día a través da web por TVip, mediante resumos diarios e conexións en directo. Ademais, espérase que os participantes poidan participar en diferentes eventos ao longo do percorrido en lugares emblemáticos do Camiño, onde se farán exposicións de tecnoloxía e conferencias, entre outros. En xaneiro comezará a funcionar a web do proxecto con funcionalidades 2.0 accesibles. O portal terán seccións estáticas (información e historia do Camiño, información do proxecto, guías e consellos e, segundo vaia evolucionando, engadiranse audio-guías descargables e outros contidos) e dinámicas (blogs dos protagonistas do documental, alta de usuarios con posibilidade de facer comentarios, enlaces a grupos de Twitter e Facebook, e conexións diarias TVip). Antes do comezo do Camiño, farase un informe de accesibilidade universal do percorrido para o usuario final. Ademais das tecnoloxías mencionadas, iranse engadindo e-milladoiros (balizas que substituirían ou complementarían as tradicionais frechas amarelas con tecnoloxía RFDI e códigos bidimensionais QR e / ou DataMatrix que ofrecerán á peregrina información sobre os puntos críticos do camiño), guías de accesibilidade, audio-guías (con 212 pistas relativas a cada unha das localizacións máis destacadas do camiño, como albergues, monumentos e outros datos de interese, e que estarán dispoñibles en castelán, galego, francés e inglés) e equipamento deportivo tecnolóxico. José María López Bourio, presidente de AGESTIC, explicou durante a presentación que se precisa "moito investimento para levar a cabo este proxecto, porque a tecnoloxía é moi cara", pero que "cómpre concienciar de que esta parte da sociedade ten que estar integrada". Xunto a Bourio e Varela, na presentación estiveron tamén o director da Casa de Galicia e delegado da Xunta en Madrid, José Ramón López Ónega, o delegado do goberno de Navarra en Madrid, Salvador Estébanez Eraso, o director de Karakol eventos, Mauricio Blanco, e o cantante e deportista Serafín Zubiri.
Trackback(0)
|