 Momento das xornadas 'O pasado ten futuro' O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu as xornadas sobre “Castelos, torres e enclaves históricos” organizada baixo o lema “O pasado ten futuro” pola Consellería de Cultura e Turismo e a recén creada Asociación. O conselleiro priorizou na súa intervención “a cooperación activa entre administracións autonómicas, provinciais e municipais para a creación dunha verdadeira rede de intercambio de coñecementos, de información e iniciativas útiles” para a conservación e difusión deste patrimonio monumental.
Nas xornadas celebradas na Illa de San Simón e nas que se debateu acerca da preservación e difusión destes bens inmobles e dos enclaves históricos (como a propia Illa, o Couto Mixto ou a Muralla Romana de Lugo), Roberto Varela estableceu como necesidade de primeira urxencia a rehabilitación e promoción do patrimonio arquitectónico galego, o que significa “conseguir que a súa dimensión histórica teña un eco no presente a través dun importante traballo de valorización”. Segundo o titular do departamento as dúas ferramentas claves na xestión do noso patrimonio e nas que a Xunta e as administracións locais traballarán comprometidamente serán a “promoción e a educación” a través das cales débese “transmitir a fascinación que agochan as pedras e o coñecemento nelas almacenado para que tanto galegos como visitantes poidan sentir a forza dunha cultura viva e palpitante”. Para Roberto Varela, a recuperación destes espazos emblemáticos como os “fermosos castelos e singulares enclaves” é o único xeito de “salvagardar o noso patrimonio inmaterial” no que supón unha “reivindicación da nosa historia e das nosas tradicións, dos activos do pasado, da nosa memoria e da nosa identidade”. Pulo turístico O conselleiro de Cultura e Turismo sinalou cara a importancia do patrimonio cultural e máis especificamente do monumental na aposta da Consellería por “un turismo desestacionalizado que poida xerar riqueza durante todo o ano e contribúa o desenvolvemento económico de país”. Con estas previsións, o arduo traballo neste eido converterá a Galicia “nun grande activo turístico e un consecuente impulso na nosa economía, na nosa cultura e no desenvolvemento do noso país”. Pola banda da Consellería de Cultura e Turismo tamén asistiron ás xornadas o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, quen valorou a conciliación deste patrimonio coa preservación dos recursos e do medio ambiente como “unha meta tan ambiciosa como necesaria”. A secretaria xeral fitou na súa intervención cara a ampla riqueza patrimonial de Galicia na que destacou que “a explotación turística do patrimonio non se contradí coa conservación do mesmo e se contribúe á súa preservación dándolle utilidade turística aos recursos patrimoniais”. Do mesmo xeito, Carmen Pardo recalcou que cómpre dar a coñecer o patrimonio monumental “dende unha perspectiva dinámica e responsable coa contorna, tal e como consta no Declaración de Río de Janeiro sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvmento e no Código Ético do Turismo, recoñecido oficialmente no 2001 pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas”. A titular da secretaría xeral para o Turismo fixo mención a proxectos e actuacións impulsados dende a Secretaría Xeral para rehabilitar o patrimonio monumental, como son o caso do Mosteiro de Monfero, nas fragas do Eume, ou o de Melón, na provincia de Ourense, entre outros. Compromiso local O conselleiro de Cultura e Turismo recalcou a importancia na conservación, promoción e difusión do patrimonio monumental das entidades locais e a cooperación activa que acaden entre as diferentes administracións. Respecto a estas entidades locais, Roberto Varela, indicou que “son os concellos os que xogan un papel fundamental sabendo canalizar e xestionar a relación emocional e histórica entre patrimonio e cidadáns”. O conselleiro sinalou tamén o relevante papel que a partir de agora xogará a “Asociación de Concellos con Castelos, Torres e Enclaves Históricos”. Por este comprometido traballo, Roberto Varela agradeceu a afluencia masiva ás xornadas xa que é a mellor proba da implicación das cidades, vilas e pobos de Galicia e manifesta ata que punto os concellos galegos son conscientes da importancia de conservar, valorizar e promover o noso patrimonio cultural”. No acto tamén participaron o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, o xefe superior de Policía de Galicia, Luís M. García Mañá, o alcalde de Redondela, Xaime Rei Barreiro, unha delegada da Cámara Municipal de Melgaço e os representantes de máis de 40 concellos que analizaron a posta en valor e conservación deste Patrimonio Monumental galego.
Trackback(0)
|