|
Os que partillamos xeración e moitos máis, pouco máis novos ou vellos, lembramos os esforzos que milleiros de galegos de orixe urbana facían de primeiras na nacente TVG para ser quen de se expresar en galego. É verdade que a calidade expresiva de moita daquela xente era moi pobre, mais aquela actitude, en moitos supostos, manifestaba un respecto pola lingua propia do País, conscientes tamén de ser a lingua cotiá da maioría dos seus cidadáns, da súa minorización histórica e da oportunidade que a TVG representaba cara a súa normalización.
Sempre acreditei que no ámbito privado ha rexer a liberdade de opción lingüística –que para exercer a xeito precisa do amplo coñecemento das dúas linguas oficiais–e que a promoción do galego nese eido ha basearse na tolerancia, flexibilidade e sedución. Arestora ninguén é discriminado polo uso do castelán no ámbito privado, mentres que milleiros de galegos, nomeadamente no ámbito de determinadas actividades comerciais e de hostalería, non poden usar na práctica con liberdade o galego. Pola contra, no ámbito público existen obrigas legais. O Estatuto e a Lei de Normalización Lingúistica dispoñen que o galego é a lingua propia de Galicia, que os Poderes Públicos han potenciar o seu uso normal e oficial e que constitúe a lingua usual dos medios públicos galegos. A Lei, xa que logo, ordena ao Poder Galego que discrimine positivamente a lingua minorizada, por ser a propia e por sufrir un proceso histórico de marxinación. Velaí que os políticos, en canto exerzan cargos institucionais autonómicos ou locais, teñen a obriga de discriminar positivamente o galego. Comezando por usalo de cotío e usalo, asemade, dende parámetros de calidade expresiva. Esta obriga tenta garantir ese plus de respecto ao galego por parte de persoas que actúan institucionalmente e non como simples cidadáns. Diversos cargos institucionais, co seu uso monolingüe, están a vulnerar o espírito da nosa legalidade estatutaria. Velaí casos como a conselleira Farjas, o deputado López-Chaves, os alcaldes Losada ou Abel Caballero, a presidenta do Porto de Vigo Corina Porro, o voceiro municipal Carlos Negreira e tantos outros. Xerando, deste xeito, división social e amosando falla de respecto polos millóns de usuarios do galego e grave desleixo polo noso, como se a lingua fose prescindíbel, propia de seres marxinais ou estivese condenada ao ostracismo e ao esmorecemento no próximo futuro.
Trackback(0)
|
Anticipo tamén que comparto tódalas accións e movementos en defensa do galego. Sen embargo, aínda entendendo que este tema ten un evidente interese político-electoral, a min particularmente, non me interesa esta vertente. En moitas ocasións teño a impresión que, tamén neste asunto, o debate social formúlase ao nivel das paixóns máis primarias e, polo tanto, máis irracionais.
O goberno ten que exercer unha discriminación positiva a prol do galego que debe reflectirse na administración e especialmente na educación -totalmente en contra, pois, da modificación do decreto-. Non é de recibo, entón, a actitude hostil que amosan algúns -bastantes- membros do goberno. Nin que se patrocinen iniciativas socioculturais que desprecen o idioma, como se publicaba hoxe que ocorreu cunha páxina web de cociña patrocinada pola Consellería de Cultura.
Penso, porén, que deberíamos impornos o esforzo de analizar o problema cunha perspectiva de máis longo prazo para tratar de identificar as verdadeiras causas do retroceso no número de falantes.
Porque, non nos enganemos, o esforzo que se leva feito a prol do galego dende a instauración do goberno autónomo é obxectivamente moi importante. Educación, administración, tvg, investigación, mundo editorial, audiovisual, musical, etc. Sen embargo, o número de galegofalantes diminúe de xeito constante dende hai vinte e cinco anos.
Semella pois que o verdadeiro problema está nos criterios de elección individual que cada un de nos temos a respecto do idioma a utilizar.
E aquí coido que hai dous asuntos clave. O primeiro ten que ver coa presión que o idioma dominante exerce sobre o minoritario. E isto que ocorre tamén co inglés a respecto do español, incluso co español en relación ao portugués, con moita máis forza o sofre o galego nunha nación sen estado e sometido polo tanto ao influxo enorme de todo o español -medios de comunicación, administración, educación e relacións sociais-. Teño exemplos moi próximos de rapaces criados en galego que a medida que se van socializando -escola, amigos- pásanse ao español.
O segundo asunto, o fundamental, ten que ver coa autoidentificación que fai a maioría da poboación, que sente que pertence a España e non a Galicia. Falaba eu no post anterior -caixas de aforros e conciencia de país- que boa parte da cidadanía séntese cómoda coa homologación de Galicia como unha región autonómica española máis, alonxándose, nos últimos anos semella que definitivamente, da consideración de nación que manteñen Cataluña e Euskadi. Xa sei que isto ten a súa orixe en moi profundas razóns históricas nas que non é o momento de entrar agora. Mais, en tanto non se modifique este sentido de pertenza, avanzaremos cara a un estatus de reduto étnico folclórico para o galego. Eu non quero un idioma de museo.
Trátase, pois, en último extremo dun problema de elección política. Mentres o nacionalismo represente en Galicia só o 15% dos votos, e baixando, o galego como idioma vai camiño do ghetto.