|
Dáme a impresión que os autores deste disparate de manipular a Galiña Azul ou non leron o precioso conto de Carlos Casares ou non entenderon absolutamente nada, pois a Galiña azul tiña ideoloxía, é dicir, un conxunto de ideas que xustifican o seu comportamento e non precisamente coincidente coa que trata de inculcar o señor Conselleiro. Era distinta, con personalidade, di “cocorocó”, ten plumas azuis, por iso o alcalde quere prendela, seguramente”por roja y separatista”, ¿sóalle esta expresión?
Onde está a o pecado de chamarse Galescolas? Acaso, non son escolas de Galicia? De onde lles vén a vostedes esa xenreira a todo o que alude a Galicia? De onde son vostedes? quen lles paga? Foron elixidos para seren un apéndice do PP de Madrid e da FAES ou como servidores das galegas e galegos e dos seus valores? Como goberno de Galicia soamente servirán a España se serven a Galicia, ambas moi por enriba do PP e de todos os Partido Políticos. Se vostedes se entregan a ese rancio e degradado españolismo, tan excluínte como repelente, serán unha fábrica de separatismo. Porque cando un grupo social ou político exclúe tamén se exclúe ao mesmo tempo a si mesmo. Non queremos ser uns estranxeiros na nosa Patria, na nosa Terra, nin ser unha colonia humillada. Gañar unhas eleccións non concede dereito de pernada e moitos votantes do PP queren seren galegos e viviren como tales. Respecto para todos os galegos e para todas as galegas. Se somos algo é porque somos galegos, e somos galegos porque temos unha lingua, unha cultura, un territorio, unha paisaxe e unha sensibilidade distinta. E con estas particularidades sentímonos solidarios con todos os pobos de España e partícipes dos seus valores e da súa cultura, que tamén consideramos nosos. Se vostedes se queren separar, xebrarse, é cousa súa. En todo caso, que teñen boa viaxe.
Trackback(0)
|