|
Moito se ten escrito e falado sobre a honestidade, a ética nas actuacións dos responsables políticos, da transparencia dos seus actos. Hoxe asistimos a un continuo goteo de casos de corrupción, prevaricación, escurantismos políticos que teñen aos cidadáns abraiados. Non hai día que non salten aos medios de comunicación casos deste tipo.
Claro que hai graos, como en tódalas cousas da vida. Podemos asistir a casos nos que o político se embolsou centos de miles de euros, ata millóns, nalgúns casos, para o seu peto particular; e a casos nos que a prevaricación política permitiu que outros se fixeran ricos con pelotazos urbanísticos ou contratos ficticios para amparar operacións ilegais, e aínda casos nos que se monta toda unha rede de corrupción ao máis alto nivel na que se ven emporcallados dende un concelleiro ata un presidente autonómico. Que fan os partidos diante deste cúmulo de comportamentos ilícitos dos seus afiliados ou simpatizantes? Pois, a verdade é que pouco por non dicir nada. Cando a cousa xa pasa do claro ao escuro e resulta imposible tapar o sol da corrupción co dedo da permisividade, entón vemos que saen aos medios para dicirnos que se tomaron as medidas oportunas e que unha comisión de investigación ad hoc vai estudar o asunto. Aínda que mentres tanto, como o tema está sub iudice, é dicir, está nos xulgados pero non é aínda de público coñecemento, o partido respectará a tan traída e levada presunción de inocencia que a todos os denunciados lles asiste nun estado de dereito, como din é o noso, aínda que como diría o pai do xitano ao seu fillo "preitos teñas e os gañes", ou tamén a sentencia atribuída aos ianquis que din "o dereito é igual para todos aqueles que poidan pagalo". Un xurista español vén de afirmar "o dereito formal é igual para todos, o dereito real aínda temos que gañalo". Isto fai que os responsables políticos nos digan que estarán á espera de que os tribunais diten a última sentencia. Podemos botarnos así meses e meses, incluso anos e anos. Hai casos de suposta corrupción que foron públicos e notorios, sobre os que xa teñen caído sentencias condenatorias e que os afectados, diriamos mellor os cacos responsables, foron presentando os correspondentes recursos e continúan presentándose ás eleccións correspondentes ocupando os respectivos cargos políticos como se tal cousa. Non só iso, atopámolos na prensa acompañando a outros imputados coma eles nunha actitude como para darlles respaldo de honorabilidade. Que cara teñen, Señor! O Xefe da Oposición nas cortes Xerais do Estado, Sr. Rajoy, vén de parir un rato. Afirmou que está disposto a asinar un pacto contra a corrupción para os casos en que os concellos se vexan involucrados neste tipo de nefastas condutas. Agora ben, para instancias máis arriba, léase deputacións, entes autonómicos, etc., para eses aínda no hai acordo de meterlles man. Eses seguen tendo bula. ¿Será porque o seu nomeamento e a actual situación cambaleante dentro do partido dependeu e segue a depender dalgúns deses xefes e xefas autonómicos? En fin; teremos que ser os votantes axudados polos medios de comunicación non presebristas quen fagamos o traballo de limpeza destes sumidoiros políticos corruptos, xa que, os auténticos responsables non se atreven a facer nada.
Trackback(0)
|