 Xosé Ramón Barreiro A Real Academia Galega terá novo presidente "antes do remate deste ano", segundo anunciou Xosé Ramón Barreiro, que deixará o cargo tras estar a fronte da institución durante oito anos, o tempo máximo permitido pola normativa. En roda de prensa, explicou que a súa retirada débese unicamente ao que se establece nos estatutos, que só permiten dous mandatos. "Que non se pense que a miña retirada é motivada por outros motivos, é por estatuto que non podo seguir", explicou o presidente.
En todo caso, aclarou que non permitirá a modificación da regulación para poder presentarse de novo, como xa ocorreu coa Real Academia Española, por "principios éticos, de ningunha maneira o permitiría", respondeu rotundo. Despois de oito anos no cargo, recoñeceu que é bo "afacerse a que teñan que renovarse as institucións" e mostrouse "satisfeito" do labor realizado durante o tempo como presidente. O seu sucesor no cargo deberá ser un membro numerario da institución e terá que ser presentado por tres académicos. Non quixo entrar en máis detalle, non sendo que son 28 os integrantes da Real Academia que poderán optar á presidencia. Congreso 'Ramón Piñeiro e galeguismo' Barreiro realizou estas manifestacións na presentación do Congreso 'Ramón Piñeiro e galeguismo', que ten lugar do 18 ao 20 de novembro no Consello da Cultura, en Santiago. Ao momento estivo acompañado polo profesor e secretario da RAG Xosé Luís Axeitos, así como polo director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta, Francisco López, que coincidiron en destacar a importancia do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2009. Axeitos sinalou que o evento pretende ser unha especie de "recapitulación dos traballos e investigacións" realizadas ao longo deste ano sobre a figura de Piñeiro como intelectual, político, humanista e literato, entre outras facetas. López, pola súa banda, animou a "unificar a lembranza de Ramón Piñeiro" co obxectivo de "extraer día a día ensinanzas e exemplos de quen tanto deu por Galicia para marcar a tódolos galegos un novo camiño". Louvou as aptitudes do autor como un "home múltiple e ao tempo sinxelo, plasmado en actividades diversas que agochan unha figura única, irrepetible e botada de menos", dixo.
Trackback(0)
|