 Concentración de traballadores de fábrica de Outeiro de Rei Os traballadores da fábrica que o grupo Leite Pascual ten na localidade lucense de Outeiro de Rei, sometidos a un expediente de regulación de emprego temporal (ERE) que finalizará o próximo día 4 de decembro, estarían dispostos a aceptar as indemnizacións por despedimento pactado coa compañía burgalesa, para “empezar de cero” coa empresa que compre ou alugue estas instalacións para mantelas en produción.
Confirmouno un dos membros do comité de empresa, Xulio César García, quen tamén asegurou que os traballadores afectados polo ERE non queren ser “un problema” que frene a adquisición desta factoría por parte doutra compañía do sector alimentario, polo que están dispostos a renunciar á súa antigüidade, a cambio das indemnizacións pactadas, para facilitar a operación. “Parece que nós somos o principal escollo para pechar a operación, por iso queremos dicir que, se nós somos o problema, estamos dispostos a comezar de cero coa nova empresa que compre a fábrica de Pascual en Outeiro de Rei”, na que traballaban antes da aplicación do ERE 144 empregados. Aínda que uns trinta traballadores acolléronse xa ás baixas incentivadas que ofrecía a patronal, máis de cen empregados continúan aínda loitando polo seu posto de traballo e continúan o encerro nunha caravana situada nos inmediacións da propia factoría. García confirmou que “a falta de vinte días para o 4 de decembro, a xente está emborcada e disposta a resistir ata o final, para forzar un pouco á Xunta de Galicia a que tome unha decisión”. Ao seu xuízo, polo que saben a día de hoxe, a alternativa de “Feiraco parece a máis firme”.
Trackback(0)
|