 Antón Louro A tan demandada, por unanimidade, competencia de tráfico e seguridade vial non é vista como unha prioridade por parte do Goberno central. Así enténdeo o delegado do Executivo en Galicia, Antón Louro, quen asegura que os obxectivos prioritarios nesta área céntranse en mellorar a xestión desas materias en Galicia, así como en "reducir a sinistralidade nas estradas "da comunidade. Con esta fin, argumenta, incrementáronse nos últimos anos os efectivos, medios técnicos e as campañas de sensibilización, control de velocidade ou de consumo de alcohol, entre outras.
Así mesmo, Louro afirma que calquera decisión futura sobre a transferencia en materia de tráfico dependerá en gran medida da vontade da Xunta de Galicia. Ao aspecto, o Goberno autonómico remitiu unha carta á central para reclamar 17 novas competencias, entre elas algunhas que quedaron pendentes na pasada lexislatura. Entre as demandas, a Xunta pide que se axilice o debate no Congreso dos Deputados para a de tráfico e seguridade vial, previsto para setembro do próximo ano 2010. Esta solicitude foi aprobada por unanimidade no Parlamento autonómico. Fronte á discusión política, a AUGC--a asociación de gardas civís maioritaria en Galicia-- non ve neste asunto maior interese. Ao contrario, está "en contra de policías autonómicas" e a favor dunha única policía. Pretende evitar que se "fragmenten competencias", segundo comenta o secretario xeral da asociación en Galicia, Juan Manuel Oitavén, quen considera "inviable" que existan "corenta policías". Na súa opinión, o que se consegue cos corpos autonómicos é "fomentar que cada político teña o seu exército", e a AUGC non está de acordo.
Trackback(0)
|