|
Aínda que non corren bos tempos para a lírica e tampouco para botar man das vellas fontes da sabedoría, nós queremos deixar aquí constancia da nosa querencia por aqueles homes e mulleres (menos, é verdade) que nos deron leccións de bo saber, de reflexionar sobre as cousas da vida, do mundo; das miserias mundanas e das glorias científicas que aínda hoxe nos levan a suspirar “ oh tempus, oh mores” (con h ou sen ela, que tamén) tal como fixeran Cicerón e Tito Livio, referíndose aos tempos que eles vivían . Hoxe si podemos dicir con maior énfase, que tempos aqueles, que costumes!
No eido da política parecera que as cousas non se teñen que mover, aínda que tal como lle pasou a Galileo, cando diante do tribunal da Inquisición tivo que desmentirse da súa teoría heliocéntrica fronte a verdade da fe da Igrexa e as verdades da ciencia representadas por Ptolomeo e Aristóteles. Alguén chegado a este punto preguntarase, a onda quere ir parar este señor con estas explicacións de tempos pasados? Moi sinxelo. Galileo desmentía coa boca pequena as súas teorías para non ser castigado polo tribunal da Inquisición, pero murmuraba entre dentes que “non obstante movíase”, referido a que a Terra se movía arredor do Sol. Aquí e agora existen políticos ancorados nas vellas teorías (tanto científicas coma de fe) que entenden non se move nada. Levan anos e anos amarrados a un cargo público e sempre teñen desculpas para seguir aí, como se o mundo non se movera, pero “epur si muove” (sen embargo, móvese). En toda Galicia aínda temos alcaldes e deputados que subiron ao coche oficial aló polos anos setenta e tantos e seguen aí, como se tal cousa. Non seremos nós quen pretenda que se vaian; iso teñen que facelo os veciños votantes, sen embargo si nos atrevemos a suxerir que dende os propios partidos e dende aquelas instancias sociais e políticas que teñen certo poder sobre estas persoas, lles indiquen unha retirada airosa antes que unha saída pola porta de atrás. Non hai dúbida que existen mulleres e homes novos que xa teñen a mente pasada; sen embargo tamén é certo que cando unha persoa leva moitos anos nun cargo as ideas non flúen co mesmo vigor e louzanía que cando se estrea cargo ou se ten menos idade. Os votantes e os partidos teñen a tixola polo mango para facer esta renovación que nós humildemente propugnamos.
Trackback(0)
|