 Representación do camiño coa nova ferramenta Google presentou en Santiago 'Street View', unha nova ferramenta de Google Maps que permitirá facer o Camiño Francés de xeito virtual desde calquera parte do mundo, e que foi creada para conmemorar o próximo Ano Santo. Así, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presente no momento, destacou a posibilidade de poder "transformar internautas en peregrinos".
Deste xeito, o presidente galego recalcou que o principal obxectivo a conseguir no próximo Xacobeo é que "a xente que vén volva e diga aos que non puideron vir que merece a pena". Así mesmo, lembrou que "non podemos quedarnos ao marxe das tecnoloxías". Neste sentido, Feijóo comentou que esta nova ferramenta é unha "aposta decidida polo Camiño para convertelo nun fenómeno transnacional, nun acontecemento global". Así, grazas a este mecanismo o Camiño de Santiago pode "meterse nos fogares". Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, sinalou que "Google e o Xacobeo estaban destinados a atoparse" e que este proxecto constitúe un "paso extraordinario máis na difusión do legado do Xacobeo", ademais dun proxecto "sen precedentes". 80 por cento da ruta Ata o momento, este mecanismo virtual cobre o 80 por cento desta ruta xacobea, desde Aurizt ata Fisterra, con fotos de 360 graos. Falta algo menos do 20 por cento, desde Roncesvalles a Auritz, que non se puido cubrir por diversos problemas loxísticos. Con estas novas imaxes, España pasa a ser o segundo país do mundo con máis cobertura en 'Street View', só por detrás de Estados Unidos, onde naceu en maio do 2007. En España, o produto lanzouse no 2008 en Madrid, Barcelona, Valencia e Sevilla. O lanzamento completouse en febreiro con Oviedo e Zaragoza. A día de hoxe, a porcentaxe do territorio cuberto acada case o 80 por cento. Ademais, o sistema actualízase de forma constante mediante as imaxes achegadas polos usuarios. Xunto ao lanzamento deste Camiño de Santiago na internet, Consumer Eroski e Google colaboraron na creación dun mapa no que turistas e peregrinos poderán localizar albergues, hoteis e restaurantes que se encontren nesta vía. No que fai á privacidade, 'Street View' utiliza unha innovadora tecnoloxía para difuminar os rostros de persoas e as matrículas dos coches e impedir así a identificación. Ademais, calquera usuario que desexe pedir a retirada dunha imaxe por considerara desaxeitada, pode solicitalo facendo un simple clic nun enlace. Así mesmo, as imaxes non son en tempo real, senón que foron tomadas este verán pasado.
Trackback(0)
|