Advertisement
Puntogal
A Lei de Pesca avanza no parlamento tralo rexeitamento á emenda exposta pola totalidade da oposición PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Redacción   
miércoles, 11 de noviembre de 2009

Rosa Quintana, conselleira do Mar
Rosa Quintana, conselleira do Mar
O proxecto de modificación da Lei de Pesca de Galicia continuará a súa tramitación parlamentaria, tras o rexeitamento da maioría absoluta do grupo popular a unha emenda á totalidade do texto, presentada pola oposición, que reclamou a devolución do documento. Agora, será a comisión oitava, de Pesca, a que se encargue de dar continuidade á tramitación dunha reforma lexislativa, que non convence os grupos da oposición, que apuntan á existencia de "vicios de forma", como aseguran que recolle un ditame do Consello Económico e Social (CES) respecto á tramitación desta normativa.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo os eixes desta normativa e defendeu a "necesidade de contar cun novo texto normativo", do que nega que sexa "sectario" ou "revisionista", como si considera a oposición. Ao contrario, alude ao aperturismo, a "participación e o consenso" como características deste texto. Así mesmo, asegura que existen "partes articuladas", como o referente á comercialización, que se mantén como o deixara o bipartito na pasada lexislatura. Argumentou, ao respecto, que "non buscamos dividir nin vencer".

Segundo a conselleira, o texto que inicia a súa tramitación parlamentaria "dota de máis operatividade á pesca, elimina burocracia" e confía en que achegue "firmeza e solidez" ao sector, fronte á "ineficacia e ineficiencia" que asegura que tiña a Lei de Pesca aprobada no 2008 polo bipartito. "É o proxecto do sector e do seu futuro e pedimos que apoien o futuro do mar de Galicia", pediu Quintana aos deputados da Cámara autonómica.

Se o deputado popular José Manuel Balseiro centrou a súa intervención en apoiar os criterios esgrimidos pola titular de Mar, Marisol Soneira (grupo socialista) e Bieito Lobeira (grupo do BNG) baseáronse no ditame do Consello Económico e Social (CES) para xustificar o seu rexeitamento cara á modificación que propoñen os populares.

Marisol Soneira, que defendeu a emenda á totalidade, sinalou que é o propio CES o que fala de "inseguridade xurídica" e "arbitrariedade" no texto que inicia a tramitación parlamentaria. Así mesmo, explicou que este órgano reprocha a vía de urxencia para esta lei, pois é unha fórmula reservada "a casos nos que existan razóns que o xustifiquen", que aseguran que non existen neste caso.

Soneira aludiu tamén ao rexeitamento de UXT polo retroceso "xurídico" que implica retornar ao permex e explicou ademais que a propia asesoría xurídica da Xunta considera o artigo cinco do texto "contraditorio" con outros, xa que nuns fálalle de "preferencia para determinados colectivos" e noutros de "libre concorrencia".

A deputada socialista recriminou ao Executivo autonómico que marque un fito histórico ao "non deixar nacer" unha lei aprobada na pasada lexislatura. Considera, ademais, unha "irresponsabilidade" a súa tramitación, que vincula ao "sectarismo ".

Pola súa banda, o deputado nacionalista Bieito Lobeira, considerou que o debate é "fraudulento" e aludiu á gravidade "procedemental" que detecta o CES, feito que a xuízo do BNG implica que o Goberno debería "retirar este proxecto de lei e iniciar un proceso real e de consenso". Neste sentido, asegurou que a súa organización política trasladará unha solicitude aos servizos xurídicos da Cámara, para que analicen a tramitación pola vía de urxencia desta modificación normativa.

Lobeira advertiu que aínda que o debate se centra "nun artigo", este contempla 96 modificacións e ademais "resucita catro novas leis", que son a de Pesca, Confrarías, Gardacostas e o Intecmar. Por estes feitos, os nacionalistas apoiaron a emenda á totalidade formulada polo grupo socialista e criticou a "renuncia" que detecta na Consellería do Mar a asumir "máis capacidade de decisión, autogoberno" en relación con "competencias estatutarias" vinculadas co ámbito pesqueiro.

Tamén reprochou a "aposta pola privatización de servizos públicos" que asegura que recolle o texto, pois o Intecmar "volve a sair da administración pública" e permitirase a "empresas privadas" que exerzan como "auxiliares da autoridade", polo que cuestións como "salvamento marítimo, loita contra a contaminación mariña e vixianza pesqueira" camiñan cara á privatización, segundo Lobeira.

O proxecto de lei, en opinión do deputado nacionalista, supón "un paso atrás de incalculables proporcións".

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >