 Alfredo Salom Ano 1993, Barcelona. Un grupo de estudantes galegos funda o Grupo de Investigación Cultural “Á Espreita”. O profesor da U.B. Camilo Valdehorras suxírelles que traballen sobre a obra dun poeta de Ponteareas, compañeiro de xeración: Alfonso Pexegueiro. Despois de varios meses de ler a súa obra quedan co escritor, que daquela vivía tamén na capital catalana. Un deses encontros foi na casa do pintor Alfredo Salóm e é entón cando se coñecen persoalmente. O universo do autor de “Seraogna” e “Desatinos dun maldito” engaiola ao artista valenciano ata o punto de querer “pintar” a súa obra literaria. Non era a primeira vez que Salom tentaba poñer en imaxes esta idea.
Tamén o fixera antes con Pessoa, Kafka e Baudelaire. Agora a diferenza estaba na proximidade co escritor, o contacto directo e en vivo coa persoa física. O resultado foron 23 obras que agora estarán en exposición ata o 27 de novembro na Casa de Galicia, Delegación da Xunta, en Madrid. Pexegueiro Alfonso Pexegueiro (Angoares, Ponteareas) é un dos poetas máis relevantes do panorama literario galego contemporáneo. Fundador en 1975 do Grupo de Comunicación Poética Rompente, tamén creou, xunto a outros escritores, a Asociación de Escritores en Lingua Galega. En 1978 recibiu o Premio da Crítica. “Salom conseguiu retratar en series como “La Soledad” ou a obra “La máscara de la soledad” aquel momento en que eu empezaba a escribir”, sinala o propio Pexegueiro referíndose a obra que agora podemos ver en Madrid. O escritor vai máis alá e pensa que o pintor “contextualizou moito mellor que algúns críticos as ideas que aparecen na miña obra. Fala do sangue, o baleiro, a palabra, a violencia, cando aquí se explicou a miña obra centrándoa case exclusivamente na temática social”. A formación de Alfredo Salom como filósofo transmitiu novos elementos de estudo a unha obra como a de Pexegueiro, hoxe aínda por revisar. Catálogo Un catálogo con limiar da poeta María do Cebreiro e textos da profesora Sabela Labraña e o propio pintor complementan a exposición de Madrid. Para Salom sería interesante que a obra se vise en Galiza e Barcelona e xa traballa para que esta posibilidade sexa unha realidade o ano vindeiro.
Trackback(0)
|