 Porto do Son Os grupos municipais do PSdeG e do BNG presentaron unha moción de censura no concello coruñés de Porto do Son, en contra do actual alcalde, Manuel Tomé Piñeiro, do PP. O pleno no que se materializará a moción terá lugar o vindeiro 18 de novembro, ás 12 horas, e permitirá o acceso á alcaldía ao voceiro socialista Xoan Pastor. A actual voceira do BNG no Concello, Ánxela Franco, será a tenente de alcalde e exercerá como voceiro do goberno municipal.
O futuro alcalde, Xoan Pastor, apelou a razóns de "hixiene democrática" para xustificar a presentación da moción de censura, que supón a restitución dun acordo entre PSdeG e BNG, cuxo pacto concédelles maioría no consistorio coruñés fronte á minoría do actual rexedor popular. O pleno municipal de Porto do Son está composto seis concelleiros do PP, cinco do PSdeG, catro do BNG, e dous independentes. Pastor resaltou que o "entendemento" co BNG despois de "varios intentos de levar adiante o pacto" prodúcese ante a falta de "democracia" da política aplicada polo alcalde do PP. Así, a "gota que colmou o vaso" foi o "trato" recibido polos veciños e pola oposición. "Aínda estando en minoría, non consensuaba nada e non atendía aos veciños", expuxo o futuro rexedor. Así mesmo, o voceiro do PSdeG na localidade criticou a perda de investimentos para o municipio a causa da xestión popular. Entre outras, inclúese unha partida de tres millóns de euros previstos para a fachada marítima, dotacións para melloras de estradas ou as reformas do porto de Portosín e dos embarcadoiros de Porto do Son. A próxima semana, socialistas e nacionalistas iniciarán as conversacións para a distribución das responsabilidades de goberno. Pastor confirmou que non haberá modificacións no número de dedicacións actuais. A voceira municipal do BNG e futura tenente de alcalde, Ánxela Franco, tamén aludiu á ineficacia "e deixadez" do goberno municipal e a súa incapacidade para "chegar a acordos" co resto da corporación e cos propios veciños. Sinalou que a "intención común de sacar adiante o concello" levou a nacionalistas e socialistas a chegar a un "consenso", no que, asegura, o debate "nunca foi quen tería a alcaldía". Asegura que a única premisa do BNG era que o bastón de mando non recaese no socialista Ramón Quintás, anterior alcalde da localidade porque "era un compromiso electoral cos nosos veciños".
Trackback(0)
|