 Teatro Jofre A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, e o asesor cultural do Concello, Roberto Taboada, presentaron a nova programación cultural para o vindeiro mes de novembro, a cal é continuación dun traballo permanente que ten como eixos a democratización cultural, a súa descentralización xeográfica -terá como escenarios o Centro Torrente Ballester, o Teatro Jofre, o Centro Cívico de Caranza e o Centro Cultural Carvalho Calero- e o apoio á creación.
A oferta de actividades, plural e adaptada a público de todas as idades, terá como platos fortes a celebración do prestixioso Concurso Internacional de Piano, que terá lugar no Teatro Jofre do 21 ao 28 de novembro; o Festival Sinsal, do que Ferrol se convertirá nunha das súas extensións, ou o XIX Concurso Internacional de Gaita Galega Constantino Bellón (os días 8 e 9). Así mesmo, continuarán desenvolvéndose os ciclos “Domingos a Escena”, “Cultura nos barrios”, “Dentro da caixa escénica” ou “Escena familiar”·. Por outra banda, o Concello continúa a súa aposta por normalizar a programación de danza o terceiro domingo de mes con actuacións como a que ofrecerá a compañía Transit Dansa, que presentará o seu espectáculo “Las mujeres de Shakespeare”. Tamén en danza darase continuidade ao ciclo “A Caixa escénica”, que nesta ocasión levará ao Jofre a David Loira co seu espectáculo “Over de Rainwon”. Con el darase un paso máis na aposta municipal pola danza que ata xuño de 2010, e cunha función ao mes, trata de ir profundizando en códigos máis complexos da danza e do movemento. No tocante á música, e como pratos fortes da programación, destaca a actuación que ofrecerá no Jofre a compañía Camerata Lírica de España ou o pianista Carles Santos, músico residente do Teatre Lliure que chegará a Ferrol co seu grupo instrumental Barcelona 216. A música contemporánea ou a copla de Diana Navarro terán tamén o seu espazo nesta programación, e respeto ao teatro, subirán ao escenario compañías como Teatro do Atlántico, que representará a obra “O xogo de Yalta. Afterplay” ou Bambalinas Asasinas, coa súa función “Maté a un tipo”. Pero sen dúbida, unha das novidades máis importantes, tal e como subliñou a edil Mercedes Carbajales, é a inclusión de Ferrol como extensión do prestixioso Festival Sinsal, que ten a súa sede en Vigo e outras dúas extensións: A Coruña e Santiago. Deste xeito, a cidade convírtese en colaboradora deste encontro de músicas contemporánea que leva sete edicións celebradas coa vocación de permanencia. A cita será o 20 de novembro na capela do Centro Torrente Ballester, con Tender Forever, nome baixo o cal se agocha Melanie Valera, unha rapaza francesa afincada en Portland que reivindica a sinxeleza tras a sorpresa dos seus dous primeiros discos. Tender Forever enche o escenario transcendendo os discos, demostrando que o pop tamén pode ser unha experiencia límite. Debutou en 2005 con “The Soft and the Hardcore” e a súa actuación será ás 22.00 horas. A entrada custará 5 euros. Outro dos pratos fortes da nova programación é o Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol, que chega á súa XXIII edición. Celebrarase do 21 ao 28 de novembro no Teatro Jofre e un ano máis reunirá na cidade a prestixiosos pianistas nacionais e internacionais de entre 16 e 35 anos que optarán ao primeiro premio de 10.000 euros. Entregaranse así mesmo un segundo e terceiro premio de 6.000 e 3.600 euros, respectivamente; o premio Gregorio Baudot ao mellor intérprete galego, valorado en 2.000 euros; e o premio ao mellor intérprete de música española, de 2.000 euros tamén. Ademais, a Sociedad Filarmónica de A Coruña, a Sociedad Filarmónica Ferrolana e o Festival de Música Cidade de Lugo ofrecerán ao gañador do concurso a posibilidade de realizar tres concertos. O Concurso abrirase o día 21 co concerto que ofrecerá o gañador da edición de 2007 e o día 28 actuarán os finalistas acompañados pola Orquestra Gauss. A programación no Teatro Jofre abarcará, pois, a música, a danza e o teatro.
Trackback(0)
|