|
Fai un mes que foi capturado o pesqueiro Alakrana por piratas somalís seica en augas internacionais, no Corno de África, malia a presenza na área de 40 naves de guerra de 16 estados, e fai só uns días foi repelido un novo intento de secuestro ao atuneiro Artza pola “seguridade privada” do barco (mercenarios a bordo?...). O certo é que o tema ten moita miga, ademais de orixinar situacións, como nestes casos, que poñen en perigo a vida de traballadores do transporte e da pesca.
O primeiro de todo é conseguir que os mariñeiros retornen sans aos seus lares, xa que isto ten máis valor que unha demostración de forza diante dos secuestradores. Que o xuíz Garzón se metera no medio, cando hai unha negociación pendente, atranca máis que axuda, nun tema que ten moito de político e que abrangue ao ámbito internacional. O certo é que a saída estase está adiando moito, por máis que se diga que as negociacións van por bo camiño. Compre impedir que se traballe baixo situacións de tan alto risco, e teriámonos que preguntar se ¿paga a pena pescar en augas en situacións de guerra?. Mesmo sería menos custoso e con menos riscos que a administración lles pague aos mariñeiros por realizar outra actividade en terra. Ademais, resulta evidente que non se garanten as normas laborais vixentes. Aínda encetando pola condena da piratería, non se pode ignorar que neste problema mestúranse diversos intereses: os económicos, territoriais, e os estratéxicos. Ou sexa, desde os que son vitais pra os povos da zona, ate os xogos de poder das grandes potencias. Debullemos un chisquiño o tema pra obter unha visión máis nidia do escenario. Nas costas de Somalia están a maioría das potencias máis poderosas do mundo, o cal cuestiona a seguridade dos mares, porén ademais o éxito da piratería pon en entredito a eficacia deste despregue de medios militares. Asemade, tampouco se poden ignorar as razóns polas cales de súpeto xurden os piratas na costa somalí, nas áreas controladas no seu día polos Tribunais Islámicos, que foron desprazados do poder pola invasión dos etíopes co apoio dos Estados Unidos. Anos de intervención exterior, guerra civil, e estragamento da infraestrutura produtiva, das comunicacións, dos servizos públicos, son caldo de cultivo pra violencia. Ademais, hai unha xustificación máis cotiá que prendeu na povoación, e motiva o grande arroupe social aos piratas: o esquilmouse polas flotas das grandes potencias as zonas de pesca onde obtiñan recursos os pescadores do país. Segundo o HSTF (grupo de traballo de alta mar) no ano 2005 había ate 800 barcos foráneos IUU (pesca ilegal non declarada e non regulamentada), polo que os pescadores somalís fixeron denuncias tanto por isto como polo baleirado fronte ás costas, aproveitando a anarquía reinante, de lixo tóxico. Asemade, convén lembrar que os piratas actuais teñen un precedente incuestionábel: mariñeiros voluntarios que crearon unha garda costeira de proteción contra a pesca ilegal, e que ningún organismo internacional tivo en conta as reclamacións que realizaron. Seica na actualidade falamos de piratas que contan con GPS, e pola precisión dos asaltos con información exacta encol dos movementos de barcos fronte ás costas somalís. Piratas que ademais teñen intermediarios en Londres, que é onde teñen a súa sede a maioría das compañías de seguros marítimos. De grupos arroupados por milicias locais e que cos ingresos obtidos dinamizan a economía local, que estaba totalmente deprimida por anos de guerra. Tratase polo tanto dun tema complexo que non pode ter só unha saída militar. Por último dicir, que resulta paradóxica a concentración de forzas militares nas costas de Somalia. Primeiro foi a presenza de navíos da OTAN, coa xustificación de protexer os barcos mercantes (por alí pasa o 23% do trafico petroleiro). Despois barcos de Rusia, algúns navíos de India e outros países da zona, e agora China seica enviará tamén barcos de guerra. Un despregue de medios esaxerado, custoso, e cunha eficacia cuestionábel. A menos que haxa outros motivos?... sairía máis barato protexer con militares cada barco (aínda que non é unha saída correcta nen sustentábel). E, por suposto, sería máis rendíbel e xusto a medio prazo axudar ao desenvolvemento de Somalia e pular por consolidar as institucións. Claro que isto crea un precedente, que habería que despois seguir noutras partes. Semella que o temor ao exemplo (e a cobiza) tamén ten o seu peso neste conflito.
Trackback(0)
|