|
A Xunta reafirmou a súa aposta por contar cunha ou dúas caixas de aforro na comunidade e reitera que "tan só terá en conta o interese xeral de Galicia" como única premisa nas decisións que tome nesta materia. Nun comunicado o Executivo galego apela á prudencia , consciente de que o máis importante é "manter a galeguidade, a solvencia e a vinculación territorial destas entidades co fin de contar cun músculo financeiro potente, eficiente e galego".
Asímesmo, a Xunta insiste en que no caso de producirse algún movemento neste sentido, sen prexuízo dos cumprimentos dos requisitos administrativos e legais que serían inherentes a este tipo de operacións, haberá que analizar e priorizar outro tipo de elementos adicionais, como son os aspectos económicos, políticos e sociais máis favorables para Galicia e os galegos. Así, a Consellería de Facenda, que ten o deber de supervisar e velar pola idónea utilización deste tipo de operacións, considera que Galicia conta nestes momentos con dúas caixas de aforro "moi profesionais", pero que tampouco poden "permanecer alleas" aos cambios que se están producindo no mapa financeiro español. Por último, Xunta reitera que no momento en que conclúan as conversacións co Banco de España e coas caixas de aforro informará, tal e como comprometeu o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, de cal é a postura "máis conveniente" para os galegos.
Trackback(0)
|