 Manuel Mera Fai 25 anos, un 14 de febreiro, a INTG alargaba ao resto de Galiza a convocatoria dun paro unitario na comarca de Vigo, contra o desmantelamento do sector naval e outras industrias, dando lugar á primeira folga xeral que viviu o noso país. O nacionalismo botoulle coraxe, xa que daquela representaba só un 20% dos delegados e delegadas, a patronal, por suposto o Goberno central, e CC.OO e UGT, opúñanse. Acusaban ao sindicalismo nacionalista de aventurerismo e querer aproveitar a situación por motivos políticos. O certo é que a folga xeral nacional (así se chamou) saíu adiante. O paro seria especialmente significativo en Ourense (ademais de Vigo), porén tamén en moitas vilas e tensionou a todas as cidades galegas en maior ou menor medida. As consecuencias: que CC.OO premida pola base convocou xunto coa INTG ese ano dúas folgas máis: o 12 de xullo e o 29 de novembro.
Hoxe con máis de 200.000 parados e paradas rexistrados a finais de xaneiro, cincuenta mil máis se sumamos os que fan cursos ou están realizando tramites. A situación laboral é estrema, e todo indica que irá a pior. As medidas que se tomaron desde o Goberno central teñen os ollos postos no sistema financeiro, e pouco ou nada nas consecuencias pra clase traballadora e as áreas dependentes e periféricas, como Galiza. Nestes casos notase a falta de competencias, de soberanía nacional. E a leria vale de moi pouco se non se implementan medidas que aumenten as prestacións por desemprego, as obras públicas e se apoia aos sectores produtivos. Todo indica que as solucións non van por este lado, de novo todo se confía aos grandes empresarios, á competitividade, e á iniciativa de Bruxelas, e a planos xenéricos, que se pensan en función das áreas socioeconómicas máis fortes. Neste escenario só a presión da sociedade pode obrigar ao Goberno central a modificar criterios, e obrigalo a facer unha política realmente social e que teña en consideración as realidades en cada nación. Os grandes grupos económicos están hoxe deslexitimados, tamén os círculos de poder que sacralizaron a globalización neoliberal. Este é o seu punto débil. A divulgación de alternativas de cambio, as asembleas, a mobilización social, son fundamentais pra modificar a correlación de forzas e darlle o protagonismo que merecen ás clases subalternas, especialmente a clase traballadora. Neste marco a realización dunha folga xeral, a medida de mobilización máis forte que pode convocar un sindicato, é un obxectivo e un proceso. Asemade é unha andaina necesaria pra que os custes da crise non os paguen as clases populares, e pra que a conxuntura (sempre chave xa que marca a etapa posterior) se resolva dun xeito favorábel á maioría das xentes da nación galega.
Trackback(0)
|