 O músico que participa no programa animou a rolda de prensa. A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Cristina Rubal, e o director de Rodeira Edicións, Alfonso García Sanmartín, presentaron unha campaña para impulsar o galego entre o alumnado compostelán e da comarca.
Baixo o lema Bocaberta, a campaña pretende que os nenos e as nenas relacionen o uso da lingua (na lectura, na comunicación oral…) con actividades agradables e participativas. Trátase de desenvolver actitudes positivas respecto da propia lingua dende o punto de vista afectivo e funcional. É dentro desta programación que a editorial Rodeira presenta o proxecto “Contos para falar” no que, a través dunha montaxe narrativa musical, “A fantástica viaxe de Patri”, se emprenderá unha viaxe lúdica na que os nenos e as nenas, a lingua e a comunicación serán os grandes protagonistas. A actividade relata unha viaxe realizada a través de tres pezas musicais e tres contos de situación. Nela, cóntase como unha nena vai, pouco a pouco, descubrindo a lingua galega. Primeiro no ámbito familiar e logo, paseniñamente, en todos os demais ámbitos da vida. A lingua preséntase coma un tesouro que todos os participantes descobren ao longo da viaxe proposta e que, despois, comparten ao recibir unha obra en lingua galega e un CD coas cancións que simboliza a preservación e o compromiso persoal de mantela viva como falantes e como lectores. Ao longo da actividade proporanse espazos de participación para os nenos e para as nenas, tanto mediante a interactividade nos contos coma coa execución das cancións, facilmente asimilables, e que intentarán mergullar as nenas e os nenos na historia proposta. A actividade ofrécese secuenciada para dous tramos de idade.
Trackback(0)
|