Advertisement
Puntogal
Vivenda: baixan as vendas non os prezos PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Redacción   
lunes, 19 de octubre de 2009
O sector taxador augura que 'empezará a sacar cabeza' no 2011.
O sector taxador augura que 'empezará a sacar cabeza' no 2011.
Carmen Millares/AGN

Comprar uns piso agora, en plena crise, non é un chollo, en contra do que se podería pensar. E é que as promotoras acumulan un importante ‘stock’ de vivendas e non saben como desfacerse delas, pero os prezos mantivéronse practicamente estables nos últimos dous anos. Desde o estoupido da crise ‘subprime’ no verán de 2007, o custo do metro cadrado só caeu en Galiza un 5,8%, ao pasar dos 1.512 euros que se pagaban no segundo trimestre de 2007 aos 1.436 do mesmo período deste ano. Son só 76 euros menos. No conxunto estatal, segundo os datos do Ministerio de Vivenda, a baixada foi lixeiramente superior, do 6,6%, situándose agora o prezo por metro en 1.920 euros, fronte aos 2.054 de dous anos antes. Neste caso, a rebaixa ascende a 134 euros, case o dobre da rexistrada en Galiza.

Estas cifras demostran que o prezo dos inmobles apenas se moveu en 24 meses, pese ao importante derrubamento que rexistraron as vendas. No mesmo período no que o valor do metro cadrado baixou apenas un 6% —desde o verán de 2007—, as transaccións de vivendas en Galiza afundíronse ata un 44%. E é que, mentres que no segundo trimestre de 2007 vendéronse case 10.000 inmobles na comunidade, no mesmo período deste ano só se chegou ás 5.606 operacións. En todo o Estado español, o derrubamento das transaccións inmobiliarias superou o 50%, ao pasar dos 227.562 pisos vendidos no segundo trimestre de 2007 aos case 113.000 deste ano.

Varios comportamentos

O taxador inmobiliario Carlos Armada, da Asociación Profesional de Peritos e Enxeñeiros de Galiza (APPIG), atribúe esta leve baixada do custo dos pisos a que os comportamentos que se rexistran no sector son diferentes. É dicir, hai zonas da comunidade nas que subiron os prezos (como na Mariña lucense), outras nas que se mantiveron estables e hai promotores que se viron obrigados a baixalos «por necesidade» ante a angustia da crise e o aumento do ‘stock’ de pisos. En xeral, subiron os prezos na maioría dos concellos galegos pese á caída de vendas.

Armada sinala que onde si baixaron os prezos é no sector da vivenda usada, que rexistrou un descenso do 30%, segundo os seus cálculos.

Con respecto ao que depara o futuro para o sector inmobiliario, o taxador augura que "empezará a sacar cabeza" no 2011, un ano no que os prezos da vivenda volverán a retomar a senda alcista, aínda que "non volvendo a niveis anteriores". Para 2010, a previsión é que sexa similar ao 2008 e que os prezos se manterán estables. "Se baixan ou soben será nunha pequena porcentaxe, de non máis do 5%", apuntan os taxadores inmobiliarios. No caso da vivenda usada, o prezo manterase, xa que "non hai moita marxe de baixada", segundo apuntan desde APPIG.

Baixada lenta

A partir destes datos compróbase que a baixada de prezos non está sendo tan rápida como foi a importante subida que se rexistrou nos anos do ‘boom’ inmobiliario. Mentres que nos dous últimos exercicios, os da crise, os prezos só baixaron 76 euros na comunidade galega, entre o ano 2000 e o 2008 os pisos encarecéronse en 877 euros. Así, pasaron dos 694 euros por metro cadrado que se pagaban nos tres primeiros meses do 2000 aos 1.571 do mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 126%.

No conxunto do Estado, o metro cadrado da vivenda encareceuse neses oito anos en 1.245 euros, pasando dos pouco máis de 856 euros do exercicio 2000 aos 2.101 euros que se rexistraron no 2008. Trátase dunha subida do 145%.

A Coruña e Ourense

A baixada dos prezos da vivenda en Galiza foi máis pronunciada na provincia da Coruña, onde lle rexistrou un descenso do 5,6% desde o verán de 2007. Nese tempo, os prezos abaratáronse en 90 euros, case vinte máis que no conxunto da comunidade.

No polo oposto sitúase Ourense, que contabilizou a menor caída do custo do metro cadrado. Neste caso, o descenso foi do 2,1%, só 23 euros en dous anos.

Lugo e Pontevedra

Na provincia de Lugo, pola súa banda, a rebaixa do prezo chegou ao 4,9% desde o segundo trimestre de 2007, baixando en 55 euros.

Por último, Pontevedra rexistrou unha baixada do 3,5% no valor do metro

cadrado, que se abaratou en 58 euros desde o inicio da crise.

  O valor por metro cadrado chegou á súa cota máis alta no primeiro trimestre de 2008

   Carmen Millares/AGN

O prezo do metro cadrado da vivenda acadou o seu punto máis alto en Galicia entre xaneiro e marzo do pasado ano. Nese momento, segundo os datos do Ministerio de Vivenda, o custo por metro era de 1.571 euros.
Nunca antes se acadara esa cota no conxunto da comunidade, aínda que se superara na provincia de Pontevedra, que desde o cuarto trimestre de 2006 rexistraba un prezo superior aos 1.600 euros, chegando aos 1.755 nos tres primeiros meses do ano pasado. No extremo contrario sitúanse Lugo e Ourense, dúas provincias onde o metro cadrado nunca superou os 1.100 euros.
Os tres primeiros meses de 2008 tamén marcan o punto máis alto do prezo da vivenda no conxunto estatal. Nese período, o valor chegou aos 2.101 euros, despois de subir de forma imparable desde o ano 1995.
A partir dos inicios do pasado ano, o prezo dos inmobles vai decaendo paulatinamente, a moito menor ritmo que o da subida. Os últimos datos dispoñibles no Ministerio de Vivenda, os do segundo trimestre deste ano, poñen de manifesto que os prezos volveron a niveis de 2006, aos que se rexistraban meses antes de que estoupase en Estados Unidos a crise das hipotecas ‘subprime’.
Nestes últimos meses, o que tamén baixou é a actividade construtiva, xa que se poñen en marcha menos vivendas debido á pouca saída que teñen no mercado.

 

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior