 Estrada que une A Guarda con Tui A directora xeral de Infraestruturas, Isabel Vila, confirmou que o vial de alta capacidade entre Tui e A Guarda, en Pontevedra, non estará en funcionamento completamente antes de 2014, a pesar de que, indicou, "é unha infraestrutura prioritaria dende 2004". Vila fixo esta afirmación durante unha comisión parlamentaria, respondendo a unha pregunta do PPdeG sobre o custo que tiveron os proxectos de modificación de trazado encargados para o tramo II desta vía polo bipartito.
Vila sinalou que a pesar de que o proxecto inicial estaba "bendito" por "organismos e sociedade", o Goberno anterior decidiu revisar o trazado e explicou que, ademais de atrasos "gravosos para as arcas públicas", os estudos informativos realizados tiveron un custo de 256.800 euros. A directora xeral tamén detallou o estado da obras e as datas de finalización para os distintos tramos. Así, a obras do primeiro treito, entre Tui e Tomiño, empezarán "a finais de outubro", cun prazo de execución de 32 meses, polo que se prevé que estean rematada no primeiro semetre de 2012. No que fai ao segundo--para o que o bipartito estudaba outras alternativas--, lembrou que está en revisión pero que con toda probabilidade "retomarase ou trazado inicial, o menos gravoso e con menos impacto". Sinalou que polos requisitos de tramitación "as obras non comezarán ata 2011" e non estarán listas "antes de finais do 2013 ou no 2014", aínda que asegurou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas "traballa" para "impulsar" a súa execución que, dixo, sofre un "atraso non xustificado". Os traballos do terceiro tramo xa están adxudicados e "acaban de iniciarse", e poderían estar rematados a finais de 2011, "non sendo que se vexan afectados por variacións provocadas pola solución que se adopte finalmente para o tramo II". O proxecto do cuarto e último treito, correspondente á variante da Guarda, será remitido para realizar a Declaración de Impacto Ambiental e calcúlase que a obras non se iniciarán antes de finais do 2011, polo que estarían acabadas no 2014. A deputada autora da pregunta, a popular Marta Valcárcel, achacou o atraso na posta en funcionamento dun vial "fundamental" para "vertebrar" o Baixo Miño á ineficacia ""do bipartito en materia de infraestruturas, ao que culpou de gastar diñeiro" en tratar de revisar un proxecto deixado polo Goberno anterior de Manuel Fraga que cualificou de "inmellorable".
Trackback(0)
|