Ninguén dubida que entramos na campaña, perdón, pre-campaña electoral máis longa da historia contemporánea deste país. Despois do cambio de goberno na Xunta de hai un ano hai quen vé nestas municipais unha reválida para o Partido Popular e hai quen pensa na vía de escape dunha situación complicada a nivel interno para socialistas e nacionalistas.
O voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, anunciou que o seu grupo presentará unha solicitude "similar" á rexistrada polo PP para acceder aos expedientes de contratación da Xunta, aínda que os socialistas intentarán coñecer todos os informes desde 2003 ante as acusacións "infundadas" dos populares sobre a existencia dunha suposta trama agraria que financiou axentes electorais e outros gastos ao partido que lidera 'Pachi' Vázquez.
O Consello da Xunta aprobou o anteproxecto de lei por que se suprime o Servizo Galego de Igualdade (SGI) e modifícanse algúns artigos da Lei 2/2007 do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificou esta decisión baseándose nun criterio de "austeridade", polo que agora "imos crear un único departamento" que elude "duplicidades". Así, a Secretaría Xeral de Igualdade asumirá as competencias do SGI.
Galicia consolida un ano máis o seu liderado no referente ás praias e portos con bandeiras azuis, xa que este verán lucirán este distintivo de calidade un total de 122 areais e dez instalacións portuarias, o que supón oito bandeiras máis que na campaña estival do ano pasado. Deste xeito, Galicia acapara case a cuarta parte do total dos distintivos concedidos a praias en función de diversos criterios, como a calidade das augas de baño, información e educación ambiental, xestión medioambiental e a seguridade ou os servizos que ofertan aos usuarios.
Tres dos sete candidatos do PPdeG nas grandes cidades galegas - - Rosendo Fernández, Jaime Castiñeira e José Manuel Rey Varela - - estrearanse na pugna polas alcaldías das urbes nas eleccións municipais de 2011, o que supón algo máis do 40 por cento do conxunto de aspirantes, que contan cunha media de idade de 49,8 anos.